Logo Coruña Literaria

ROTEIRO A LITERATURA NOS XARDÍNS

Deberiamos titular este percorrido “O monumento que falta” . Así o titulaba La Voz de Galicia do 22 de xullo de 1923. “Hay que subsanar todo lo activamente que sea posible el olvido que hace que esté incompleto en nuestro parque principal la trinidad sin par de la mujer gallega”. Queixábase o xornal de que ao lado de Emilia Pardo Bazán e de Concepción Arenal non estivese a estatua de Rosalía. Mais, aínda botando en falta a Rosalía de Castro, si están aquí os grandes vultos da literatura galega: Curros, Pondal, Castelao.

Monumento a Curros

1. Manuel Curros Enríquez

O espectacular conxunto escultórico dedicado a Manuel Curros Enríquez é obra do escultor da Xeración Nós, Francisco Asorey. Situado nos Xardíns de Méndez Núñez, foi inaugurado en 1934 polo presidente da II República Niceto Alcalá Zamora, o alcalde da Coruña Suárez Ferrín e o presidente da Real Academia Galega Manuel Lugrís Freire.
O monumento está formado por grandes bloques de granito que semellan a quilla dun barco. No centro aparece a figura de Curros cunha lira e un libro nas mans. Na parte superior, unha muller espida cos brazos ergueitos representa a Galiza.
Manuel Curros Enríquez –unha das tres grandes figuras do noso Rexurdimento– naceu en Celanova. Tras publicar o libro de poemas Aires da miña terra en 1880, comezan os problemas co bispo de Ourense. Curros criticaba a falta de compromiso da Igrexa cos pobres, e o bispo de Ourense condena e reproba o libro, excomunga a Curros e denúnciao ante as autoridades xudiciais. O xulgado de Ourense secuestra o libro e condena a Curros a dous anos e catro meses de cadea e ao pago dunha multa de 250 pesetas. Será absolto –en marzo de 1881– pola Real Audiencia da Coruña. Nace así un idilio de Manuel Curros Enríquez coa Coruña que durará máis que a propia vida do autor porque cando morre na Habana a comunidade galega en Cuba decide que os seus restos veñan para ser enterrados na Coruña. Unhas corenta mil persoas ateigaron as rúas da cidade para acompañaren o cortexo fúnebre nunha expresión multitudinaria de afecto popular sen antecedentes na nosa historia. Está enterrado no cemiterio de Santo Amaro.

Monumento a Valle Inclán

2. Valle Inclán

Este busto dedicado ao escritor Ramón María del Valle-Inclán foi realizado polo escultor ourensán Ramón Conde.
Situado fronte ao edificio da Terraza, esta peza escultórica, realizada en resina de poliéster pigmentada e fibra de vidro, descansa sobre una peaña de granito sen pulimentar.
Ramón María del Valle-Inclán foi un dramaturgo, poeta, novelista e ensaísta en lingua castelá agás o poema Cantiga de vellas que foi publicado na Coruña en 1910. É considerado un dos autores máis importantes da literatura en español do século XX, e encádrase na chamada Xeración do 98.
Entre 1902 e 1905, publicou as Sonatas, a súa primeira grande obra de narrativa e a maior achega española ao modernismo. A obra dramática de Valle-Inclán é probablemente a máis orixinal e provocadora de todo o teatro español do século XX.

Monumento a Wenceslao Fernández Flórez

3. Wenceslao Fernández Flórez

A peza escultórica dedicada ao escritor Wenceslao Fernández Flórez foi instalada polo Concello da Coruña polo centenario do seu nacemento (1885–1985). É obra do escultor coruñés José Castiñeiras Iglesias. Trátase dun monólito granítico sen pulimentar cunha inscrición na parte superior.
Wenceslao Fernández Flórez, escritor e xornalista, nace na Coruña en 1885. Empezou no diario coruñés La Mañana e aos dezasete anos dirixiu o Semanario La Defensa de Betanzos, publicación próxima ao Agrarismo. Máis tarde dirixiría El Noroeste da Coruña. Mantivo sempre lazos de amizade e apoio coas xentes das Irmandades da Fala. Cando Leandro Carré e Ánxel Casal crean a editorial Lar pídenlle a Wenceslao Fernández Flórez que escriba unha obra para ser a primeira da colección. Así a editorial Lar inaugurou as súas publicacións en novembro de 1924 coa edición da novela humorística A miña muller, escrita ex profeso por Fernández Flórez para a editorial Lar. A tradución da novela ao castelán publicouse en Madrid en 1925.
Colaborou con A Nosa Terra e foi Castelao un dos caricaturistas que máis frecuentemente ilustraron as súas obras.

Monumento a Emilia Pardo Bazán

4. Emilia Pardo Bazán

A estatua de Emilia Pardo Bazán atópase nos xardíns, preto do Paseo de Coches.
Un grupo de amigos de Dona Emilia teñen a idea, en 1905, de realizar unha estatua e contan que a escritora dixo que aceptaba que se fixese a súa obra como «timbre de gloria y corona de su carrera». Para obter os cartos necesarios faise unha subscrición popular. Contaban nun ano ter recollido o diñeiro suficiente mais houbo que esperar a 1914 para xuntar as 10.000 pesetas necesarias.
O conxunto escultórico é obra do escultor sevillano Lorenzo Coullaut Varela. Realizado en pedra arenisca procedente de Murcia representa a figura sedente de Pardo Bazán, cunha pluma na man dereita e un libro na esquerda. Ao redor da escultura hai unha balaustrada do mesmo material e rematada en dous grandes alicerces con grandes vasos. Sobre a pedra aparecen tres placas de bronce.
Foi inaugurada en outubro de 1916 sendo alcalde Manuel Casás.
Emilia Pardo Bazán, escribiu máis de dous mil artigos xornalísticos, fundou e dirixiu dúas revistas, foi correspondente para dous xornais, publicou decenas de novelas, máis de seiscentos contos, foi autora teatral e converteuse na primeira catedrática do estado español. En 1883 publicou La Tribuna, unha das moitas novelas, protagonizada polas mulleres da Fábrica de Tabacos da cidade, que bautizou literariamente como Marineda. Loitou durante toda a súa vida polo dereito á educación das mulleres e en todas as súas obras visibilizou os problemas femininos e as inxustizas ás que se tiveron que enfrontarse as súas coetáneas.

Monumento a Concepción Arenal

5. Concepción Arenal

Este espléndido conxunto escultórico dedicado a Concepción Arenal está nos xardíns diante do estanque. O autor da obra é o arquitecto coruñés Rafael González do Villar, que antes proxectara, tamén nos xardíns de Méndez Núñez, o modernista Kiosco Alfonso no 1912. Trátase dunha representación simbólica da busca da sabedoría para vencer o mal e a ignorancia. Realizado en ferro e pintado de negro, é unha figura dunha aguia coas ás abertas e coas poutas sobre un libro aberto e unha serpe, con cadeas que os unen. Vén representar a intelixencia (a aguia) que vence a incultura (a serpe). Está arrodeado de seis pináculos realizados en granito. Ten unha placa que di «Los presos de España a su defensora».
A proposta para erixir este monumento foi de Manuel Casás, presidente, naquela altura do Circo de Artesáns. Realizouse mediante subscrición popular e donativos de institucións. O monumento levantouse no ano 1916.
Concepción Arenal Ponte foi escritora, xornalista e ensaísta. Foi a primeira muller en asistir a unha universidade española ás aulas da carreira de Dereito Penal e Xurídico. Foi nomeada “visitadora de prisións de mulleres” en 1863 e veu vivir á Coruña. Na cidade trabou unha grande amizade con Juana de Vega e asistía ao parladoiro que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada “Magdalenas”.
Defensora dos dereitos das persoas presas e das mulleres, reivindicou sempre a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Monumento a Castelao

6. Daniel Rodríguez Castelao

O monumento a Castelao inaugurouse en 1986 e foi realizado por iniciativa da Corporación Municipal. O seu autor é o escultor coruñés Manuel Ferreiro Badía. Está situado fronte á caseta dos xardineiros. É unha escultura de vulto redondo tallada nunha soa peza de granito, representando a Castelao de medio corpo. Sobre as súas costas e na parte traseira aparecen tallados un hórreo e un Cristo crucificado.
Castelao, director artístico da revista Nós, membro do Seminario de Estudos Galegos, colaborador en A Nosa Terra, investigador, conferenciante, articulista, pintor, debuxante, escritor… Na súa produción artística e literaria xa está presente a súa postura crítica co capitalismo, o imperialismo e o eurocentrismo. A principios dos anos 30 convértese na figura pública do nacionalismo. Membro fundador do Partido Galeguista, o seu traballo foi decisivo na unificación e consolidación do nacionalismo galego e na promoción do Estatuto de Autonomía. A súa principal obra política é Sempre en Galiza.
Participou nas Irmandades da Fala desde a súa fundación na Coruña en 1916. En 1919 publica na cidade Arte e Galeguismo e con ese mesmo título pronuncia unha conferencia no mes de outubro no Circo de Artesáns.
Será tamén o Circo de Artesáns quen acolle no 1920 a primera exposición do Álbum Nós.

Monumento a Murguía

7. Manuel Murguía

O busto dedicado Manuel Murguía, é obra do pintor, escultor e debuxante galego Fernando Cortés Bugía. Está situado nos xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral. Trátase dun busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro puído, situado sobre unha peaña a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa puído. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: Murguía 1833–1933, aínda que Murguía morreu no 1923. Na parte inferior, e colocada sobre cemento, hai unha placa de bronce en homenaxe aos galegos emigrados coroada cunha medalla onde aparece Murguía retratado.
Manuel Murguía, definido polo seu biógrafo, Xosé Ramón Barreiro, como “o construtor da nación”. O seu labor fundamental foi a investigación histórica e a divulgación desta, así como a de difundir o ideario político de defensa de Galiza. En 1862 Murguía rematou o seu Diccionario de escritores Gallegos e en 1865 editou o primeiro tomo da súa Historia de Galicia. En 1986 publicou Los precursores. Foi presidente da Asociación Rexionalista Galega.
Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que traslada a outros escritores da Cova Céltica e aos galeguistas de Cuba. En 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría até a súa morte.
Manuel Murguía finou o 2 de febreiro de 1923, na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña sendo soterrado no camposanto de Santo Amaro. A revista da Asociación Galega de Historiadores chámase Murguía. Revista Galega de Historia, na súa honra.

Monumento a Fernández Latorre

8. Juan Fernández Latorre

O monumento dedicado a Juan Fernández Latorre é obra do escultor José Escudero. Está situado nos xardíns, preto do reloxo floral.
É un busto en bronce de tonalidade negra sobre unha pirámide de cúspide truncada en granito sen puír. Sobre a fronte de granito aparecen as letras: “A Coruña a D. Juan Fernández Latorre 6–Abril–1958”.
Juan Fernández Latorre, nado na Coruña en 1848, foi editor e político, fundador do xornal La Voz de Galicia.
Con Andrés Martínez Salazar crea a editorial Biblioteca Gallega en 1885 e con ela nace un concepto moderno de edición. A Biblioteca Gallega presenta obras en galego e tamén en castelán, pero a colección enteira está ao servizo da cultura galega.
Os primeiros títulos desta editorial imprímense nos talleres de La Voz de Galicia. Los Precursores de Murguía foi o primeiro volume, en 1885 e ao ano seguinte (1886) saíu Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez.
Un centro público de infantil e primaria da Coruña leva o seu nome.

Monumento a Pondal

9. Eduardo Pondal

Rodeado de piñeiros, o monumento dedicado a Eduardo Pondal é obra do pintor, escultor e debuxante galego Fernando Cortés Bugía. Está situado preto do reloxo floral. Trátase dun busto de mármore sobre unha base tamén de mármore con inscrición tallada sobre unha peaña de granito. Foi inaugurado en 1925.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso en 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, está enterrado en Santo Amaro. Os últimos anos da súa vida pasounos nunha casa situada en Juana de Vega. Xunto con Rosalía e Curros, é un dos máximos expoñentes do Rexurdimento. O seu primeiro poema en galego apareceu en 1862 no Álbum de la Caridad. Participou no Banquete de Conxo e na tertulia A Cova Céltica. En 1886 publicou Queixumes dos Pinos, libro que contén o poema Os pinos, letra do Himno Galego. Defensor do pasado céltico de Galiza, Pondal asume o papel de “bardo” da nación galega.
O centro público de adultos da cidade da Coruña leva o nome de Eduardo Pondal.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies