O NOSO PROXECTO
Desde o ano 2004, a UNESCO, Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, outorga un recoñecemento ás cidades que teñen no mundo do libro e a edición un dos seus principais brillos. ¶ A primeira semellaba moi fácil, Edimburgo, en Escocia, e así até 28. Só dúas no Estado Español: Granada e Barcelona. ¶ Desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda imos comezar un traballo que irá sumando xentes e vontades para poñer un foco sobre todo o que A Coruña ten feito arredor do libro e a lectura. Imos contar unha historia de pioneiras, na edición do libro galego, no teatro en galego, na historia de Galicia que foi escribindo Murguía, na letra do himno que pensou Pondal. E poñer unha luz sobre o feito no pasado, no presente e no que está por facer arredor do libro e a lectura, porque somos unha cidade literaria e queremos ser unha das Cidades da literatura do mundo ¶ Velaquí sete fitos desta historia que é tamén a da cidade da Coruña, sede da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A Coruña
cidade narrada,
cidade poetizada,
contada e cantada…
O nome da cidade na escrita de Rosalía de Castro.
Cortesía do Arquivo da Deputación da Coruña.
Unha obra mestra da arte sefardí de hai máis de 500 anos. Realizada na Coruña no século XV por encomenda do xudeu Isaac de Braga ao escriba Moses Ibn Zabarah e ao iluminador Joseph Ibn Hayyimuna, a chamada Biblia Kennicott, tamén coñecida como Biblia da Coruña, é un dos manuscritos hebreos máis luxosos que existen ¶ Benjamin Kennicott foi o bibliotecario que a mercou en 1771 e hoxe consérvase na Biblioteca Bodleian de Oxford. No colofón di que o traballo foi rematado «na cidade da Coruña, na provincia de Galicia», coa data final da obra «o mércores 24 de xullo de 1476».
A Biblia da Coruña ten 922 páxinas, das que 238 están ilustradas.
A peza representada na Coruña é a primeira obra impresa en galego da que temos noticias. Biblioteca Nacional, TI/120, nº 12.
Tardouse moito en saber, mais cómpre coñecer que o Concello da Coruña en 1707 encomendaba unha obra en galego para representar nas festas da cidade. O Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, de Salvador Francisco Roel, foi escrita e representada aquel mesmo ano na Praza da Fariña, a praza maior da cidade naquela altura, e onde se atopaban as casas consistoriais. Velaí propaganda política, humor e crítica á situación social para festexar o nacemento do príncipe Luís Fernando. O achado desta obra en 2017 fainos mirar para os chamados Séculos Escuros doutro xeito: un século antes do que tiñamos datado estábase a escribir en galego. E foi na Coruña.
Polas rúas da Coruña pasearon dúas escritoras fundamentais do século XIX ¶ Rosalía de Castro, a autora que marca con Cantares Gallegos (1863) o inicio do Rexurdimento, terá a súa primeira estadía na Coruña en 1859, por un período de 3 meses, despois, de 1871 a 1875, a familia instálase na rúa do Príncipe, 3 e no Campo do Santo Agostiño, 10. Cultivou todos os xéneros: poesía, teatro, novela, ensaio, manifesto, conto ou artigo xornalístico ¶ Durante un tempo, Emilia Pardo Bazán, nacida na cidade en 1851, foi apenas a autora de Los pazos de Ulloa –que fala sobre o derrube da súa clase social; a fidalguía– mais ela é a que crea o nome de Marineda, a que en La Tribuna fala da emancipación da muller traballadora, a que alerta sobre a violencia de xénero e os asasinatos das mulleres, os «mujericidios».
Emilia Pardo Bazán nun debuxo publicado en La Esfera, en 1921.
Rosalía de Castro por Brocos cortesía da Casa de Rosalía.
Antón Villar Ponte (1881-1936).
Coa fouce por orella, Álvaro Cebreiro pinta a caricatura do líder da Irmandade.
Cortesía da Real Academia Galega.
A Irmandade da Fala é a primeira iniciativa de normalización da lingua galega. Antón Vilar Ponte convoca unha xuntanza nos locais da Academia Galega, o 18 de maio de 1916, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Lois Porteiro Garea, Micaela Chao Maciñeira, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acórdase que a Irmandade tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza e axiña se crearon por toda Galiza outras Irmandades. O corpus teórico das Irmandades vai ter como unha das súas bases a Doctrina nazonalista de Ramón Vilar Ponte.
En 1806, hai máis de dous séculos, abre as súas portas a biblioteca pública máis antiga de Galiza. O cóengo e economista Pedro Antonio Sánchez, baixo o amparo do Real Consulado de Mar e Terra, crea unha biblioteca con fondos bibliográficos, documentais e cartográficos, desde o século XV, que hoxe pertence á fundación privada máis antiga do Estado Español ¶ Mais tamén a clase obreira coruñesa logrou bibliotecas populares, como a Biblioteca Germinal, con máis de 8.000 libros, creada en 1903. Mais esta biblioteca, ao igual que a de Casares Quiroga, foi destruída e queimada polos fascistas en 1936.
O 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña (hoxe Teatro Rosalía de Castro) os primeiros Xogos Florais de Galiza. O seu promotor foi Antonio de la Iglesia, quen vai facer unha defensa afervoada do uso do galego. Participaron na súa organización, entre outros, Juana de Vega e Benito Vicetto. A velada foi conducida no musical por Canuto Berea e López Cortón custeou a edición do Álbum de la Caridad, que vai ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento polo denominado «Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos». Estos Xogos da Coruña abriron o camiño para outros que se desenvolverán en Pontevedra, Santiago, Ourense, Vigo e Tui, todos eles co obxectivo de prestixiar a lingua galega.
Antonio María de la Iglesia (1822-1692), organizador dos Xogos e autor, entre outras obras, da antoloxía El idioma gallego, su antigüedad y vida (1886), publicada en tres tomos.
Casal fixo por Galiza máis que todos nós.
— Castelao
Casal, rexo, ledo, optimista, esparexeu a mans cheas a gracia e a forza dunha nova literatura sobre o mundo.
— Ramón Otero Pedrayo
Non é a primeira editora que xorde na Coruña, pero en 1927, con Nós, Ánxel Casal dá un chimpo cara adiante. O inxente traballo realizado nesta editorial e antes en Lar, xunto a Leandro Carré, foi vital para dar visibilidade e presenza ao libro galego. Velaquí unha editora moderna á busca dun mercado, con ela Casal léganos os cen mellores libros en galego do seu tempo… O fascismo acabou con Nós mais non coas arelas dun pobo que hoxe pode seguir gozando das editoriais que teñen o libro galego no centro do seu actuar.
Ánxel Casal por Maside. Colección familia Maside.
Símbolo de identidade das Edicións Nós, deseñado por Castelao.