ROTEIRO ROSALÍA DE CASTRO
Son moitas as pegadas que existen na cidade para podermos homenaxear a escritora: o teatro principal da cidade leva o seu nome, unha rúa, un colexio de infantil e primaria, unha estatua, os seus versos no Xardín de San Carlos, o seu nome nas vidreiras do Pazo Municipal… E mesmo da Coruña partiu a idea de pór o seu nome a unha estrela…
Rosalía de Castro viviu Coruña durante catro anos, na década dos setenta do século XIX, de 1871 a 1875.
Na nosa cidade xa vivira, coa súa familia, tres meses, entre xuño e setembro de 1859, momento no que o seu home Manuel Murguía dirixiu o Diario de La Coruña.
En 1861 para na Coruña, ao regreso dunha viaxe de Madrid, e escríbelle ao seu home “En Santiago vai un frío arrepiante … Xamais vin tanta soidade, tanta tristeza, un ceo máis pálido… En troques, A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por ficar xa nela” (Carta de Rosalía de Castro a Manuel Murguía, 16 de decembro de 1861).
1. Xardín de San Carlos
Rosalía e Murguía chegan á Coruña, en 1871, con 34 e 38 anos respectivamente, e moi conscientes da súa misión: el, ser o historiador que documenta e lexitima Galiza como nación; ela, encárgase desde a literatura de elevar a voz do pobo como forza tamén lexitimadora.
Desde a batalla de Elviña consideran ambos a cidade como centro e fogar das ideas liberais. Rosalía atopará no xardín de San Carlos e na tumba de Moore un espazo sentimental que se proxecta como terra protectora diante da malfadada morte do xeneral inglés na que, á súa vez, se reflicten as angurias de Galiza.
O Concello, a proposta do entón alcalde Manuel Casás, acordou colocar o 14 de xullo de 1927 unhas lápidas que recollen un fragmento en inglés do poema The burial of Sir John Moore de Charles Wolfe e outro fragmento do que Rosalía de Castro dedica a Sir John Moore, titulado Na tumba do Xeneral Sir John Moore:
¡Cuan lonxe, canto, das escuras niebras,:
Dos verdes pinos, das ferventes olas:
Que o nacer viron!… dos paternos lares,:
Do ceo da patria que o alumou mimoso,:
Dos sitios, ¡ai! do seu querer, ¡que lexos!…:
Viu a caer baixo enemigo golpe:
Pra nunca máis se levantar, ¡coitado!:
¡Morrer asín en estranxeiras plaias,:
Morrer tan mozo, abandona-la vida:
Non farto aínda de vivir e ansiando:
Gustar da froita que coidado houbera!
2. Casa da rúa do Príncipe
Logo de que Manuel Murguía foi nomeado director do Arquivo Xeral do Reino, a familia instálase no segundo andar do número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla. Rosalía chega á Coruña coa familia na última semana do mes de febreiro de 1871. Ese mesmo ano mentres veranean en Lestrobe nacen os dous xemelgos, Gala e Ovidio. No mes de xullo do ano seguinte, 1972, nace na Coruña Amara.
3. Balcón do Parrote
Na Coruña escribe Rosalía unha parte do poemario Follas Novas. É o porto e eses barcos que marchan cada semana con miles de persoas obrigadas a emigrar. O libro As viudas d’os vivos e as viudas d’os mortos, o poema Para Habana está escrito aquí vendo desde este espazo esas despedidas:
O mar castiga bravamente as penas,
e contra as bandas do vapor se rompen
as irritadas ondas
do Cántabro salobre.
Chilan as gaviotas
¡alá lonxe…!, ¡moi lonxe!,
na prácida ribeira solitaria
que convida ó descanso i ós amores.
De humanos seres a compauta línea
que brila ó sol adiántase e retórcese,
mais preto e lentamente as curvas sigue
do murallón antigo do Parrote.
O corazón apértase de angustia,
óiense risas, xuramentos se oien,
i as brasfemias se axuntan cos sospiros…
¿Ónde van eses homes?
4. Casa do Concello. Vidreiras
En 1926 deséñase o espazo do corazón da democracia coruñesa, dez anos despois de que se fixese realidade nesta cidade ter unha casa consistorial propia. Como colofón dese espazo –o salón de plenos– un teito con vidreiras onde catro mulleres simbolizan a cidade. Rosalía de Castro representada a través dunha lira e un libro é unha delas, acompañada de María Pita, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.
5. Casa onde viviron, no Campo de San Agustín
As dificultades económicas do casal de Rosalía e Murguía foron moitas ao longo da súa vida. Con toda probabilidade foron desafiuzados da vivenda da rúa do Príncipe e tiveron que abandonala. O 20 outubro de 1874 Manuel Murguía asina no padrón municipal que toda a súa familia vive xa no Campo de San Agustín nº 10, nunha casa que xa non existe na rúa que hoxe chamamos Costa de San Agostiño.
6. Teatro Rosalía de Castro
O Teatro Principal foi o máis importante edificio dedicado a tal fin nunha cidade cunha longa tradición no que a lecer cultural se refire. Un ano despois do nacemento de Rosalía, o concello da Coruña adquire os terreos da antiga igrexa de San Xurxo para situar neste espazo un teatro. Foi rematado en 1841 e sofre un incendio en 1867. Vai ser reconstruído inmediatamente e así quedará –mesmo despois de sufrir un bombardeo co golpe de estado de 1936– até unha nova remodelación a finais do século XX. En 1890 vai estrear a primeira instalación interior de luz eléctrica da cidade. Foi aquí onde o 21 de outubro de 1904 foi coroado como poeta Curros Enríquez. En 1909 decídese renomear como Teatro Rosalía Castro a este lugar fundamental para a sociedade herculina.
7. Rúa Real e Obelisco
Rosalía de Castro foi fotografada por Luis Sellier, fotógrafo de orixe francesa asentado na Coruña, quen durante o tempo que Rosalía viviu na cidade (1871-1875) tivo dous estudos na cidade. Un, compartido con Avrillon, no 37 do que hoxe é a Rúa Real e outro no actual número 5 do Cantón Grande. Nalgún destes locais da Pescaría coruñesa inmortalizouse a imaxe máis icónica da poeta.
8. Rúa Rosalía de Castro
O Ensanche burgués coruñés nace a finais do século XIX coa demolición das antiga muralla da Pescaría que cruzaba o istmo polas actuais prazas de Ourense, Lugo e Pontevedra. En acordo plenario do 21 de febreiro do ano 1900 -coincidindo coa mesma semana na que hoxe celebramos o día de Rosalía- decídense algúns dos nomes desta nova zona urbana da cidade, entre eles a Praza de Galicia e a Rúa Rosalía de Castro.
9. CEIP Rosalía de Castro
O CEIP Rosalía de Castro (Rúa Río Avia, s/n) tal e como hoxe o coñecemos estréase abril do ano 1987, mais a súa historia remóntase ao curso 1975-76 cando empeza a funcionar en dous pavillóns prefabricados como filial do Centro Público de Labañou. No curso 1980-81 o Centro, co nome xa de Rosalía de Castro, atópase espallado por varios espazos diferentes, sempre en pavillóns.
Sería nos anos 1982 e 83 cando se constrúe un edificou de forma independente aínda que pronto se veu que era pequeno para as necesidades do barrio polo que houbo que facer novas instalacións no terreo onde estaban emprazados os pavillóns.
Despois das vacacións de Semana Santa do ano 1987 estrease o novo colexio público Rosalía de Castro, nas instalación onde está na actualidade.
10. Estatua de Rosalía de Castro
En 1914 a Sociedade Recreativa e Instrutiva do Círculo de Artesáns , coñecida polo nome de Circo de Artesáns, promove un monumento á memoria de Concepción Arenal no xardín de Méndez Núñez. E para facelo posible realiza unha subscrición pública.
No Pleno municipal do 5 de agosto de 1914 dáse conta do informe emitido pola Comisión de Paseos acerca deste monumento no que se refire ao emprazamento e colocación da primeira pedra e tómase en consideración a petición do Circo de Artesáns de que por conta dos fondos do concello e incluíndo para iso, a cantidade necesaria no orzamento do ano próximo, eríxase noutro macizo simétrico, dos continuos ao estanque do xardín de Méndez Núñez un monumento análogo ao de Concepción Arenal, “á eximia poetisa galega Rosalía Castro”.
En xullo de 1923 chegan á Coruña unha delegación do Concello da Habana que vén homenaxear a Concepción Arenal e poñer a 1ª pedra do Monumento a Curros Enriquez. A portada da Voz de Galicia do 22/7/23 está dedicada case integramente a esta visita e nunha columna que titulan “O monumento que falta” volven referirse á falta da estatua de homenaxe a Rosalía de Castro “hai que subsanar, todo o activamente que sexa posible, o esquecemento que fai que estea incompleto, no noso parque principal a trindade sen par da muller galega … falta a dese lírico inmenso que se chamou Rosalía Castro”
Habería que esperar até 1952, será outra vez no Pleno Municipal onde se dá conta das obras da Nacional VI Coruña-Madrid e a praza que se vai realizar en Catro Camiños e no que se expresa a preocupación sentida pola cidadanía en canto ao emprazamento do monumento á gran figura galega de Rosalía de Castro e somete á consideración da Corporación, a posibilidade de situar na praza de Catro Camiños ese monumento a Rosalía de Castro anunciando un concurso de proxectos entre os arquitectos galegos.
Mais tampouco desa foi. Habería que esperar corenta anos máis para que, en 1991, o escultor Manuel Ferreiro Badía fixera, por encargo do concello, unha estatua en bronce de 2,30 metros de altura que descansa sobre un pedestal e está situada, algo agachada, entre as estacións de buses e de ferrocarril.