ROTEIRO CEMITERIO DE SANTO AMARO
Corría o ano 1812 cando se fai efectiva a lei que prohibía os enterramentos nas igrexas e na súa contorna. Nese mesmo ano, e segundo o proxecto de Domínguez Romay, constrúese na Coruña o cemiterio municipal de Santo Amaro. Situado entre o camiño que levaba ao Faro e o mar, este camposanto atlántico ten unha superficie de máis de 26 000 m² e está composto por tres áreas, a relixiosa, a civil e a británica. Esta última está pechada ao público e é propiedade do Reino Unido.
O cronista da cidade, Julio Rodríguez Yordi, describíao así no ano 1944 (Cristal y sonrisa):
Non é un cemiterio museo, ao xeito dos de Génova ou Pisa, nin un curruncho aldeán, como o de Adina. Mais hai belas obras… e a suficiente natureza en forma de árbores, flores e aves, para facer esquecer a desolación que produce unha visita a tan tristes lugares. Hai pulcritude municipal, esmero, policía e recato e hai, ademais, a visión confortadora do mar azul e dos montes violeta de segundo termo.
Desde o ano 2013 forma parte da Rede de Cemiterios Europea.
Neste roteiro que presentamos, facemos unha moi breve selección de persoeiros aquí enterrados relacionados coa escrita e a literatura. Pouco máis de trinta nomes para dar a coñecer este camposanto histórico.

1. Jenaro Marinhas del Valle
O 23 de decembro de 1999 morre na Coruña o escritor Jenaro Marinhas del Valle. Jenaro Marinhas, quen afirmaría sempre o carácter universal e lusófono do galego, foi tesoureiro da Irmandade da Fala da Coruña, figurou entre os fundadores das Mocidades Galeguistas, das que foi primeiro presidente, foi militante do Partido Galeguista e tomou parte activa na campaña a favor do Estatuto de Autonomía. Dos anos da preguerra data o seu primeiro texto teatral, que fora entregado a Ánxel Casal e que se perde co asasinato do editor. Da mesma altura son os seus primeiros contributos xornalísticos no xornal A Nosa Terra e as súas primeiras poesías en Vida Gallega. Novelista e poeta, a súa obra está centrada principalmente na produción dramática –a súa obra teatral chega a acadar os 50 títulos–, e en textos teóricos á volta do feito escénico. Participou na creación de Galaxia e da revista Grial. Membro numerario da Real Academia Galega renunciaría á cadeira que ocupaba por desconformidade co rumbo da institución. A súa defensa da unidade lingüística galego-portuguesa levouno a un afastamento dentro do mundo cultural.

2. Andrés Martínez Salazar
Historiador, investigador e editor fundamental do Rexurdimento.
Director do Arquivo Histórico de Galiza na Coruña desde 1872. En 1884 adquire unha libraría, na rúa Rego de Auga, na que habilita unha sala de lectura á que acoden numerosos literatos. Ao ano seguinte comeza o seu labor editorial, a Biblioteca Gallega, que inicia as súas publicacións con Los Precursores de M. Murguía. Coa Biblioteca Gallega aparece na Galiza o concepto de editor moderno, libros cun deseño gráfico unificado que dá carácter a toda a colección. Até o ano 1903 publicará máis de 52 obras fundamentais.
En 1889 foi nomeado polo Concello da Coruña primeiro cronista oficial da cidade.
Foi sucesor de Murguía na presidencia da Real Academia Galega, mais só por uns meses pois morreu en outubro de 1923.

3. José Pascual López Cortón
Escritor e mecenas, nado en Cedeira, emigrou moi novo a Porto Rico onde fixo fortuna dedicado probablemente ao tráfico de escravos. Á volta, vivirá no pazo de San Fiz de Vixoi, en Bergondo e na Coruña.
Foi o organizador dos primeiros xogos florais de Galiza, o 2 de xullo de 1861 na Coruña, e encargou a Antonio de la Iglesia a elaboración do Álbum de la Caridad, que recolleu os traballos deses xogos así como outros doutros autores galegos do momento.
López Cortón foi un dos primeiros promotores da Institución Libre de Enseñanza en Galicia.

4. Álvaro Paradela "Amaro Orzán"
Nado na Coruña en 1911, cursou estudos de Medicina en Santiago. Exerceu a súa profesión na Coruña, en Teixeiro (Curtis) e en Narón. Nos seus anos de universitario tivo contactos co anarquismo, afiliouse á CNT e foi o secretario do Sindicato de Sanidad de Santiago.
Na súa mocidade foi profesor de Educación Física, e desde La Voz de Galicia, onde foi colaborador asiduo, fixo unha campaña a favor do ensino da natación. Foi durante moitos anos presidente do Club do Mar.
Ademais de crónicas xornalísticas, escribiu poesía e tamén varios libros de relatos curtos, que el mesmo editaba Sabencias, Irmaus tolos, con numerosas escenas da vida rural de Galiza.
Obtivo diversos premios literarios, entre eles o Pérez Lugín de Xornalismo, o da asociación cultural O Facho e o Fernández Latorre de Xornalismo.
Dise que foi o creador do topónimo Ferrolterra e delimitou o seu territorio.
Este médico humanista usou o pseudónimo de Amaro Orzán.

5. Canuto Berea
Nado na Coruña en 1836 foi músico, director de orquestra, violinista, pianista, profesor e compositor. Tamén político: foi alcalde da Coruña.
En 1854 abriu, na rúa Rego de Auga, o primeiro establecemento musical de Galiza, unha libraría musical que destacou pola riqueza dos seus fondos bibliográficos que, dez anos despois, alcanzaban os 30 000 títulos de partituras. O seu labor como editor musical contribuíu á difusión da creación musical de figuras como Xosé Baldomir, Eugenia Osterberger, ou Xosé Castro “Chané”. Este establecemento trasladouse máis tarde para o número 38 da rúa Real, e permaneceu aberto até o ano 1987.
Como compositor destaca a muiñeira sinfónica Alfonsina. Considérase como un dos pioneiros do orfeonismo galego, xunto a Xosé Castro “Chané” e Pascual Veiga. O seu enorme prestixio cidadán foi un apoio fundamental para o establecemento de novas agrupacións musicais.
Foi presidente da Academia de Belas Artes da Coruña e tamén presidiu o Circo de Artesáns.
O seu arquivo está depositado na Biblioteca Provincial da Coruña e comprende milleiros de partituras impresas de compositores galegos, numerosos libros e manuscritos musicais, correspondencia, catálogos, carteis e programas.

6. Antón Vilar Ponte
Moi novo emigrou a Cuba, alí traballou en diferentes xornais e foi nomeado secretario da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. En 1910 volve a Galiza, establecéndose na Coruña. Colaborou en La Voz de Galicia, El Pueblo Gallego, El Noroeste… O 18 de maio de 1916, Villar Ponte convoca unha xuntanza na que se acorda a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala, que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua galega.
Dirixiu o voceiro das Irmandades da Fala, A Nosa Terra, e presidiu a Asociación da Prensa Coruñesa.
En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que chegaría a dirixir, e para o que escribiu e traduciu diversas pezas teatrais.
En 1926 publica, xuntamente con Cabanillas, a peza dramática titulada O Mariscal. Posteriormente, a obra será musicada polo arquitecto e compositor coruñés Eduardo Rodríguez Losada, sendo Camilo Díaz Valiño e Castelao os encargados da escenografía. Estréase en 1929, sendo a primeira ópera en lingua galega.
É o autor de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional.

7. Francisco Tettamancy
O 15 de maio de 1921 morre na Coruña o escritor Francisco Tettamancy Gastón. Participou nos célebres faladoiros da Cova Céltica e forma parte da redacción do xornal rexionalista coruñés Revista Gallega que dirixía Galo Salinas. Foi un destacado impulsor do monumento “Aos Mártires da Libertade” que se ergueu en Carral. En 1904 constituíu, con outros 42 socios, a Asociación da Prensa da Coruña, e foi membro fundador da Real Academia Galega e das Irmandades da Fala.
Escribiu varias monografías históricas sobre temas galegos, entre elas La revolución gallega de 1846 (1908, Librería Rexional de U. Carré). Co gallo do centenario da súa norte esta obra foi traducida ao galego pola Deputación da Coruña.

8. Clara Corral Aller
Nada en Ourense en 1847 e finada na Coruña o 9 de febreiro de 1908, Clara Corral Aller é unha das poucas mulleres que publicaron textos en galego durante o século XIX. O primeiro poema que dela coñecemos é un poema publicado no Almanaque de Soto Freire en 1866, cando tiña apenas 19 anos. Mencionada por Couceiro Freijomil como cultivadora da escrita en galego é cualificada por Carvalho Calero como unha das mellores poetas galegas. A súa obra aparece en diferentes publicacións como El diario de Santiago, La Revista Compostelana ou El Eco de Santiago de Bos Aires. En La Ilustración Gallega y Asturiana publica O ben na terra, Lonxe vai miña alegría e O día de San Antón, poemas que foron reproducidos noutras publicacións como O Tío Marcos da Portela. De 1891 é o único volume que publicou en vida, A Herminia. Foi membro correspondente da Real Academia Galega en 1906.

9. Sebastián Martínez-Risco
Nada en Ourense en 1847 e finada na Coruña o 9 de febreiro de 1908, Clara Corral Aller é unha das poucas mulleres que publicaron textos en galego durante o século XIX. O primeiro poema que dela coñecemos é un poema publicado no Almanaque de Soto Freire en 1866, cando tiña apenas 19 anos. Mencionada por Couceiro Freijomil como cultivadora da escrita en galego é cualificada por Carvalho Calero como unha das mellores poetas galegas. A súa obra aparece en diferentes publicacións como El diario de Santiago, La Revista Compostelana ou El Eco de Santiago de Bos Aires. En La Ilustración Gallega y Asturiana publica O ben na terra, Lonxe vai miña alegría e O día de San Antón, poemas que foron reproducidos noutras publicacións como O Tío Marcos da Portela. De 1891 é o único volume que publicou en vida, A Herminia. Foi membro correspondente da Real Academia Galega en 1906.

10. Alejandro Pérez Lugín
Xornalista, escritor e cineasta. Nace en Madrid mais trasladada a familia a Santiago de Compostela, Pérez Lugín estuda Dereito na súa Universidade. Estaba emparentado con Rosalía de Castro, xa que a súa avoa era irmá da nai de Rosalía.
A obra máis coñecida de Pérez Lugín é La casa de la Troya (1915), novela que recrea a vida universitaria na Universidade de Santiago de Compostela. A obra foi levada ao cinema até en cinco ocasións (1925, 1930, 1936, 1948 e 1959).
Como director de cine, rodou varios documentais de guerra en Marrocos na década de 1920 e adaptou as súas dúas primeiras novelas.
Enferma de tifo e falece en 1926 na súa residencia estival Villa Teresa do Burgo (A Coruña). O Concello da Coruña encargouse do seu enterro no Cemiterio Municipal de San Amaro, sobre cuxo sepulcro se colocou unha escultura xacente de Bonome.
No seu testamento deixou un legado á Asociación da Prensa da Coruña para que crease un premio de 1.000 pesetas, que debía concederse anualmente ao mellor artigo inédito escrito en louvanza de Galicia: o premio de xornalismo «Pérez Lugín» segue a concederse na actualidade, dotado con 3.000 euros.

11. Wenceslao Fernández Flórez
Nado na Coruña, Wenceslao Fernández Flórez foi escritor e xornalista. Empezou no diario coruñés La Mañana e posteriormente colaborou no Heraldo de Galicia, Diario de La Coruña e Tierra Gallega. Aos dezasete anos dirixiu o Semanario La Defensa de Betanzos, publicación próxima ao Agrarismo. Máis tarde pasaría a dirixir o Diario Ferrolano e El Noroeste da Coruña. Mantivo relación coas xentes das Irmandades da Fala, colaborou con A Nosa Terra e foi Castelao un dos caricaturistas que máis frecuentemente ilustraron as súas obras. Autor de El bosque animado, a súa novela A miña muller inaugurou as publicacións da editorial Lar en 1924.

12. Álvaro Cebreiro
Debuxante, ilustrador e caricaturista. No ano 1922 asina xunto ao poeta Manoel Antonio o manifesto ¡Máis alá! Neste texto poeta e debuxante únense na busca de novos camiños afirmando o seu compromiso coa lingua galega e coa vangarda artística e cultural da época.
Artista precoz, con 16 anos comeza a colaborar, facendo caricaturas, co xornal A Nosa Terra, órgano de expresión das Irmandades da Fala. Colabora na revista Mondariz, é redactor artístico de Alborada e ilustra exemplares da editorial Céltiga. É director artístico da revista Ronsel, que integrou as correntes máis vangardistas da creación literaria do momento, e colaborar habitual de Alfar. Despois do golpe de estado, sufriu o exilio interior, recluíuse, e tardou tempo en volver debuxar.

13. Ánxel Casal
No Libro dos Amigos, Otero Pedrayo deixou dito de Ánxel Casal “rexo, ledo optimista, esparexeu as mans cheas a gracia e forza dunha nova literatura sobre o mundo.” Non hai mellor retrato. Fundador das Irmandades, das Escolas de Ensiño Galego, do Partido Galeguista…
Mais o gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo no campo da industria cultural, coa creación primeiro de Lar, en colaboración con Leandro Carré e logo de Nós. Cando en agosto de 1936 o fascismo tira o seu cadáver nunha gabia de Cacheiras, atrás quedaban os 139 números da revista Nós, ou De Catro a Catro ou… os cen mellores libros da literatura galega do seu tempo.
“Casal, por Galiza, fixo máis que todos nós” (Castelao)

14. Ramón Vilar Ponte
O 14 de setembro de 1953 morre na Coruña Ramón Vilar Ponte, xornalista e un dos ideólogos das Irmandades da Fala. Durante a súa estadía en Ferrol foi director de El Correo Gallego e fundou, xunto con Xaime Quintanilla, o Boletín Mensual da Irmandade da Fala da cidade. En 1921 o grupo de Ferrol fundou a editorial Céltiga, a primeira editorial nacionalista dedicada á publicación de obras en galego, e da que Ramón Vilar Ponte sería xerente. É autor de Doctrina nazonalista, o primeiro tratado teórico do nacionalismo. Ramón Vilar Ponte traduciu ao galego, xunto co seu irmán e P. R. Castro, Catuxa de Houlihan e O país da saudade, do irlandés W. B. Yeat.
Foi membro da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos.
Os fondos da biblioteca dos irmáns Villar Ponte están no Parlamento de Galicia desde o ano 2001.

15. Bernardo Barreiro
Bernardo Antonio Barreiro de Vázquez Varela nado en Santiago de Compostela e finado na Coruña o 27 de novembro de 1904, foi un historiador, xornalista e poeta galego.
Foi arquiveiro da Deputación Provincial da Coruña (1881) e estudou os distintos arquivos galegos así como outros documentos relativos a Galicia conservados noutras bibliotecas, especialmente no Arquivo de Simancas. Militante do Partido Republicano, foi secretario do Comité Revolucionario de Santiago de Compostela. Pola súa actividade política tivo que exiliarse dúas veces na Arxentina. En Bos Aires formou parte da Comisión organizadora do Centro Gallego (1879), redactou os seus estatutos e desempeñou o cargo de Presidente da Comisión de Instrución.
Os seus primeiros traballos apareceron en La Estrella Compostelana e La Aurora de Galicia. Fundou e dirixiu o xornal La Revolución e a revista Galicia Diplomática (1882-1889), no que publica distintos traballos sobre a Inquisición en Galicia. Foi redactor de La Ilustración Gallega y Asturiana e colaborou en El Heraldo Gallego, Gaceta de Galicia, Revista Compostelana de Instrucción y Recreo e El Diario de Santiago.
En 1877 editou en Santiago o libro Efemérides de Galicia, libro que iniciaba a súa longa produción historiográfica.
Gran estudoso da Inquisisión e Galiza é o etnógrafo da bruxería. Asinaba como Bernardo Barreiro de W.

16. Miguel González Garcés
O 12 de decembro de 1989 morre na Coruña Miguel González Garcés, cidade na que nacera e na que viviu case toda a súa vida. Escritor, xornalista, docente e poeta. Colabora en diversas revistas de literatura como Atlántida e dirixe na súa primeira etapa a revista Nordés. Na súa poesía destaca Poema ó meu lar, Claridade en que a tentas me persigo e Un nome só na néboa.
Dirixiu a Biblioteca Pública do Estado durante 40 anos. Hoxe esta biblioteca leva o seu nome. Foi tamén director do Arquivo Municipal da Coruña. O Premio de poesía da Deputación da Coruña leva o seu nome.

17. Mariano Tudela
Mariano Rodríguez Tudela, coñecido como Mariano Tudela, nado na Coruña en 1925, foi escritor e xornalista.
Comezou en 1948 publicando os contos de La linterna mágica. Publicou en 1951 a primeira novela, El torerillo de invierno. Con La bella Otero, en 1957 iniciou unha longa serie de biografías noveladas de figuras como Ramón del Valle Inclán, Álvaro Cebreiro, Ramón Gómez de la Serna e Camilo José Cela. Fundou en 1954 con Urbano Lugrís a revista Atlántida. Instalouse en Madrid en 1956 como escritor profesional, traballando como guionista, director e articulista, así como tradutor en colaboración con Ascensión González Deus. Foi ante todo novelista, con títulos como La madrugada de las mercenarias (1977), ambientada no barrio coruñés do Papagaio; e Amarga canción del recuerdo (1988), sobre o exilio republicano. Tamén escribiu ensaios literarios, como Vivir en La Coruña (1976, traducida ao galego en 1999) e Aquellas tertulias de Madrid (1983).
Entre outras distincións, recibiu o Premio Nacional de Periodismo Julio Camba (1988), o Ramón Gómez de la Serna do Concello de Madrid (1993) e a Medalla de Bronce de Galicia (1998).

18. Emilio González López
O 13 de novembro de 1903 nace o profesor, historiador e político Emilio González López. O seu compromiso político empeza xa cando estuda no instituto na Coruña. Impulsará e participará na creación da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA). Militou na Izquierda Republicana nos tempos da II República e obtivo escano de deputado pola circunscrición da Coruña nas tres eleccións celebradas durante a República. A derrota republicana supuxo o final da súa carreira académica e tivo que reiniciar a súa carreira no exilio onde formará parte dos exiliados en Estados Unidos con xente como Xosé Rubia Barcia ou Ernesto Guerra da Cal, emigración esta que mantivo abertas nas universidades americanas liñas de investigación histórica e literaria, daquela imposibles en Galiza. Nos Estados Unidos, González López será profesor de universidade de Nova York e as súas investigacións quedarán plasmadas nunha extensa obra escrita, entre as que destacan os seus estudos sobre a historia de Galiza. Estivo á fronte da Casa de Galiza neoiorquina, colaborou en diversos programas radiofónicos e cultivou a ornitoloxía. Foi investido doutor honoris causa pola Universidade da Coruña pola súa exemplar dedicación universitaria á promoción e defensa dos valores culturais de Galiza.

19. Francisca Herrera
Nace na Coruña, na rúa do Príncipe en 1869. Para a casa do lado viría vivir dous anos despois Rosalía de Castro, pola que ela sempre mantivo grande admiración. Nace Francisca Herrera no seo dunha familia da alta burguesía coruñesa, educada nos principios tradicionais e nunha viva fe relixiosa. Recibiu unha esmerada educación, acorde coa súa clase.
Escribe poesía, novelas, ensaio e colabora en diferentes publicacións periódicas. Dá ao prelo tres libros de poesías que seguen unha liña romántico-idealista, tres novelas en galego, de temática rural e de corte sentimental e tres novelas en castelán, mais de asunto galego. A novela Néveda, de 1920, é a primeira escrita na nosa lingua de autoría feminina.
Francisca Herrera é a primeira muller escollida como membro numerario da Real Academia Galega. Proposta en 1945, morre en 1950 sen que a RAG fixara data para o seu ingreso.

20. Luísa Villalta
Nada na Coruña en 1957 e falecida no 2004, Luísa Villalta é unha das autoras imprescindibles do último cuarto do século XX. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego–Portuguesa, Luísa Villalta escribiu e amou a poesía. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006).
Docente de Lingua Galega e Literatura, Luísa Villalta tamén amou a música. Era titulada superior en violín e formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Da súa autoría son igualmente textos arredor da música.
Profesora, poeta e violinista, Luísa Villalta escribiu tamén teatro. Obras súas son: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999).

21. Galo Salinas
Nado na Coruña e finado na mesma cidade –o 1 de outubro de 1926–, Galo Salinas foi escritor e xornalista. Deixou a profesión de mestre para traballar de xornalista na súa cidade natal. Na Coruña dirixiu a Revista Gallega e entrou en contacto cos intelectuais da Cova Céltica. En 1903 pasou a dirixir a “Escola Rexional de Declamación”. A súa peza dramática ¡Filla…! foi a primeira obra teatral que estreou esta escola dramática. Prolífero escritor dramático a el debémoslle o estudo teórico sobre teatro galego Memoria acerca de la dramática gallega.

22. Eduardo Pondal
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso, nunha familia fidalga, fina na Coruña o 8 de marzo de 1917. Foi unha das máximas figuras do “Rexurdimento”, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez.
Sendo mozo, participou no banquete de Conxo, un xantar de confraternidade organizado en 1856 por estudantes e obreiros. Os brindes de Aurelio Aguirre e Pondal, nese banquete, leváronos á Audiencia da Coruña que chegou a considerar a deportación destes ás Illas Marianas.
O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos florais de Galicia, no que Pondal participou con A campana d’Anllóns, o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.
Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, “A Cova Céltica”, e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Asumirá entón o papel de “bardo” da nación galega. De 1886 é o seu poemario Queixumes dos pinos. Un dos seus poemas, Os pinos, conformará o himno Galego, ao que Pascual Veiga lle porá música.
O Centro Público de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) da Coruña leva o seu nome.

23. Luís Seoane
O 1 de xuño de 1910 nace Luís Seoane, editor, escritor, xornalista, gravador e pintor. Do 1931 ao 1936 exerce de avogado laboralista na Coruña e milita no galeguismo. Con Arturo Cuadrado funda Resol e participa na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Tras a sublevación do 36, puido exiliarse en Bos Aires onde pronto se converte nunha peza clave do movemento cultural galego. Crea con Núñez Búa o semanario Galicia Libre, leva adiante a revista Galicia, funda varias coleccións, promove editoriais e dirixe a revista Galicia Emigrante. Chégalle o éxito internacional coa súa obra pictórica, que vai desde gravuras, litografía e deseños até óleos, murais e cerámicas. En 1952 publica o seu primeiro poemario Fardel de eisilado. En 1963 Seoane retorna a Galiza onde segue o seu activismo e participa no nacemento do Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Isaac Díaz Pardo. Morre na Coruña en 1979.

24. Familia Carré: Uxío, Leandro, as irmáns Carré
O patriarca desta familia, Uxío Carré Aldao, nace na Coruña en 1859 e fina na mesma cidade en 1932. Foi escritor, editor e libreiro. Merca a librería de Martínez Salazar na rúa Rego de Auga, librería onde se constituirá a chamada Cova Céltica, faladoiro ao que acudían, entre outros, Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Pérez Ballesteros, Tettamancy, Galo Salinas, Martelo Paumán, Florencio Vaamonde Lugrís Freire e Eladio Rodríguez González. Editou algúns tomos da Historia de Galicia de Murguía e máis de vinte títulos fundamentais na cultura galega. Foi un dos fundadores e director do xornal A Nosa Terra e sucedeu a Andrés Martínez Salazar como cronista oficial da Coruña.
Tivo 12 fillos, entre eles, os escritores Leandro, Uxío, Gonzalo e Lois Carré Alvarellos. Leandro Carré, foi dos impulsores das Irmandades da Fala. Fundou, xunto a Ánxel Casal, a editorial Lar en 1924, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e dirixiu a Escola Dramática Galega.
Netas deste ilustre galeguista son as irmás María del Pilar e May Carré, prolíficas escritoras de novela rosa nos anos centrais do século XX.

25. Julio Rodríguez Yordi
Julio Rodríguez Yordi, nado na Coruña e finado na mesma cidade o 27 de setembro de 1967, foi un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego. Fillo do membro fundador e presidente da RAG, Eladio Rodríguez González, foi el propio tamén membro da Academia Galega.
Foi colaborador asiduo nos xornais El Orzán e El Noroeste.
O 10 de xaneiro de 1963, Julio Rodríguez Yordi envía ao presidente da Real Academia Galega, Sebastián Martínez-Risco, os resultados da investigación realizada para datar a publicación de Cantares Gallegos e concluíndo que a data do 17 de maio, posta por Rosalía de Castro, corresponde exactamente ao remate do libro. Meses despois da lectura deste informe, os académicos, Xesús Ferro Couselo, Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego, propoñen que se marque o 17 de maio para recoller o “latexo material da actividade intelectual galega”. Comeza así o camiño do Día das Letras Galegas.

26. Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez finaba en Cuba o 7 de marzo de 1908. Os restos mortais foron embarcados cara a Galiza onde chegan o 31 dese mesmo mes á Coruña, cidade moi querida polo poeta pois nela quedara absolto da denuncia presentada polo bispo de Ourense contra a súa obra Aires d’a miña terra, e nela fora coroado como grande poeta civil o 21 de outubro de 1904, no teatro Principal, hoxe teatro Rosalía de Castro. Dous días despois, o 2 de abril, unhas corenta mil persoas ateigaron as rúas da cidade para acompañaren o cortexo fúnebre nunha expresión multitudinaria de afecto popular sen antecedentes na nosa historia.
Curros é, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, o grande referente do “Rexurdimento”. Emigrado a Cuba en 1904 viaxou á Coruña onde, xunto con Manuel Murguía, ideou a “Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega”, que será un dos piares da futura Real Academia Galega.

27. Xoán Casal
Xohán Casal Pardo nace na Coruña en 1935 e fina na mesma cidade o 10 de xaneiro de 1960. A enfermidade do corazón que padeceu dende neno e que o levou prematuramente á tumba condicionou a súa vida. Comeza a escribir moi novo en lingua castelá e cóntase que cando en 1956 coñeceu a obra de Castelao xa só quixo escribir en galego. Considerado o iniciador da Nova Narrativa Galega, escribiu O camiño de abaixo, publicado en 1970 como obra póstuma cun prólogo do seu amigo Reimundo Patiño. O resto da súa produción quedou inédita, agás un artigo sobre Rosalía de Castro publicado en El Ideal Gallego.
O mundo dos relatos de Casal está dominado constantemente pola soidade e a morte.

28. María Barbeito
O 20 de novembro de 1970 morre na Coruña a pedagoga, educadora, escritora e tradutora María Barbeito. Con destino na Escola Nacional da Guarda, centro que vai dirixir entre 1915 e 1936, puxo en marcha unha novidosa pedagoxía educativa que a converte en referencia. Igual pasará nas súas obras de benificiencia, nas que introduciría un concepto sociolóxico. Colabora asiduamente en xornais e revistas de contido pedagóxico e social. Cunha especial preocupación polos temas relativos á muller, dá conferencias e publica textos sobre o tema, entre os que cómpre destacar La Mujer, antes, ahora y después, unha conferencia impresa en 1934 e pronunciada na Agrupación Republicana Femenina da Coruña. Acusada de diversos cargos, como o de ser de ideas políticas de avanzado esquerdismo republicano, a Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu en novembro de 1937 a súa separación definitiva do servizo e de todos os seus cargos. Unha vez apartada da función docente, vai centrar gran parte da súa actividade na tradución de obras francesas.

29. Manuel Lugrís Freire
O 15 de febreiro de 1940 morre Manuel Lugrís Freire escritor e xornalista comprometido e dedicado á dignificación de Galiza. Foi membro fundador da Real Academia Galega e un dos seus presidentes. En 1883 emigrou a Cuba e alí fundou a primeira publicación periódica literaria escrita integramente en galego A gaita gallega. De volta a Galiza colaborou na Revista Gallega e formou parte da Cova Céltica de onde sae a idea da formación dunha organización política que representase a ideoloxía rexionalista liberal que profesaban os seus integrantes. Así naceu, en 1897, a “Liga Gallega”. En 1889, o poeta pronunciou un discurso en galego na homenaxe que a Liga Gallega organiza aos Mártires de Carral.
Lugrís Freire é sobre todo un pioneiro, o primeiro que dá un mitin en lingua galega, o primeiro que escribe unha gramática do noso idioma en galego e tiña o carné nº 1 do Partido Galeguista.

30. Evaristo Martelo Paumán
Nado na Coruña e finado na mesma cidade o 31 de marzo de 1928, Evaristo Martelo Paumán foi escritor e avogado. Era descendente do poeta e almirante Paio Gómez Chariño. Fixo estudos para mariño pero dedicouse finalmente ao Dereito. Membro da nobreza, foi Marqués de Almeiras e Vizconde de Andeiro, era un dos contertulios habituais da Cova Céltica onde trabou unha grande amizade con Eduardo Pondal. Destacou na defensa do galego ao que cualificaba como “fala de reis”. Foi membro da Real Academia Galega.
É autor de catro poemarios: Os afillados do demo (1885), Líricas gallegas (1894), Landras y Bayas (1919) e Andeiro (1921).

31. Irmáns de la Iglesia: Antonio e Francisco
Os irmáns de la Iglesia, rexionalistas galegos, naceron en Compostela e trasladáronse á Coruña para exercer como docentes e os dous finaron aquí. Foron escritores fundamentais no comezo do Rexurdimento.
Antonio María de la Iglesia González, colaborou en La Aurora de Galicia e Revista de Galicia. Foi editor de Galicia e redactor do Diario de La Coruña. Organizou os Xogos Florais da Coruña de 1861 e compilou o Álbum de la Caridad (1862), onde se recollían as composicións dos poetas participantes e unha escolma da poesía galega do momento. É autor de El idioma gallego, su antigüedad y vida (1886). Escribiu poemas en galego recollidos en prensa.
Francisco Mª de la Iglesia González, fundou e dirixiu El Diario de Galicia e colaborou en El Defensor de Galicia e El Fomento de Galicia. Desde 1868 dirixiu o Diario de La Coruña e en 1863 a revista Galicia, que publicaría até 1865. Mais será pola súa produción dramática polo que Francisco María de la Iglesia ocupará un lugar destacado na nosa literatura. O 13 de agosto de 1882 o Liceo Brigantino Coruñés estreará a súa peza A fonte do xuramento, considerada até hai pouco a 1ª obra en galego da época moderna.
Aos irmáns de la Iglesia débese unha das primeiras publicacións periódicas escritas integramente en galego, O Vello do Pico Sacro. O primeiro número deste xornal editado na Coruña é do 3 de marzo de 1860.

32. José Pérez Ballesteros
Finado na Coruña o 30 de outubro de 1918, foi un dos intelectuais máis destacados dentro do que se vén denominando na literatura como Precursores. Ensaísta, articulista, folclorista e poeta, Pérez Ballesteros foi un dos asistentes aos faladoiros da Cova Céltica, a tertulia que tiña lugar na libraría de Uxío Carré Aldao, e formou parte da comisión que, por encargo de Curros Enríquez feito desde Cuba, debería ocuparse de organizar a Academia Galega. A asociación “El Folklore Gallego”, coa que colaboraba, publicou o seu Cancioneiro popular gallego y en particular de la provincia de La Coruña, unha obra en tres tomos que o converteu nun folclorista moi recoñecido. Co seu Cancionero popular vai contribuír á recuperación, conservación e estudo da literatura oral trasladando ao mundo da escritura cantigas populares. Como poeta figura xa no Álbum de la Caridad coa composición Un soño. Logo escribiría Versos en dialecto gallego e Foguetes. Foi membro fundador da Real Academia Galega.

33. Manuel Murguía
O 2 de febreiro de 1923 morre Manuel Murguía. Manuel Antonio Martínez Murguía, nado en Arteixo o 17 de maio de 1833 e finado na súa casa de rúa de Santo Agostiño da Coruña, foi unha figura central do protonacionalismo galego, historiador e impulsor do Rexurdimento. Casa con Rosalía de Castro o 10 de outubro de 1858.
O seu labor fundamental foi a investigación histórica e a divulgación desta, así como a de difundir o ideario político de defensa de Galiza. En 1862 Murguía rematou o seu Diccionario de escritores gallegos e en 1865 editou o primeiro tomo da súa Historia de Galicia. En 1986 publicou Los precursores. Foi presidente da Asociación Rexionalista Galega.
Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que traslada a outros escritores da Cova Céltica e aos galeguistas de Cuba. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría até a súa morte.