ROTEIRO A CORUÑA PIONEIRA
Neste roteiro imos contar unha historia de pioneiras, na elaboración de manuscritos fermosamente iluminados, na edición do libro galego, no teatro en galego, na historia de Galicia que foi escribindo Murguía, na letra do himno que pensou Pondal. É poñer unha luz sobre o feito no pasado, no presente e no que está por facer arredor do libro e a lectura.
Se queres descargar este roteiro en formato PDF podes facelo desde aquí.
1. Rúa Sinagoga. Biblia de Kennicott
Imos comezar esta historia no século XV. Poderiamos ir máis atrás, mais imos empezar coa Biblia de Kennicott, en 1476. A Biblia de Kennicott, debería chamarse a Biblia da Coruña, xa que recibe o nome do experto hebraísta e bibliotecario de Oxford, Benjamin Kennicott que a merca no ano 1771. Escríbese na nosa cidade e é un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea; está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV.
Leva un colofón final que di que este traballo foi rematado «na cidade da Coruña, na provincia de Galicia», coa data final da obra «o mércores 24 de xullo de 1476».
2. Praza da Fariña. Escribir e representar en galego en 1707
Na nosa cidade escribiuse a primeira obra en galego, da época moderna, para festexar un nacemento.
Tardouse moito en saber, mais é preciso coñecer que o Concello da Coruña en 1707 encargaba unha obra en galego para representar nas festas da cidade. O Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, de Salvador Francisco Roel foi escrita e representada en 1707 na Coruña, na Praza da Fariña, a Praza Maior da cidade naquela altura, e onde se atopaban as casas consistoriais. Propaganda política, humor e crítica á situación social na obra encargada polo concello da Coruña para festexar o nacemento do príncipe Luís Fernando.
Esta obra bota por terra esa idea dun abrupto corte na literatura galega e fainos mirar para os chamados Séculos Escuros doutro xeito; un século antes do que tiñamos datado estábase a escribir en galego.
3. Praza de María Pita, 17. As Irmandades da Fala e ANT
O 18 de maio de 1916 xorde na cidade da Coruña a primeira Irmandade dos Amigos da Fala. Antón Vilar Ponte convoca unha xuntanza nos locais da Academia Galega á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Lois Porteiro Garea, Micaela Chao Maciñeira, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza. Nace así a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego.
Axiña se foron creando outras: Santiago, Monforte,Vilalba, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilagarcía, Cambados, Ourense, Madrid, A Habana… O corpus teórico das Irmandades vai ter como unha das súas bases a Doctrina nazonalista de Ramón Vilar Ponte.
A nova asociación crea como voceiro desde a súa fundación o semanario A Nosa Terra.
O 14 de novembro de 1916 sae na Coruña o primeiro número do xornal A Nosa Terra, unha das cabeceiras históricas do nacionalismo galego. Nace como boletín decenal baixo o lema Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal. Unha das características esenciais do voceiro das Irmandades é o monolingüismo en galego, conta con oito páxinas e está baixo a dirección Xosé Iglesias Roura. Antón Vilar Ponte sería o seguinte director e a partir da IV Asemblea das Irmandades da Fala en 1922 será Víctor Casas quen leve a dirección. O 1 de febreiro de 1932, pouco despois do nacemento do Partido Galeguista, convértese no seu voceiro oficial e traslada a redacción da Coruña a Pontevedra. No xornal colaborarán a case totalidade da intelectualidade nacionalista do momento encargándose do grafismo, entre outros, Castelao, Álvaro Cebreiro e Camilo Díaz Baliño. O 17 de xullo de 1936 sae o último número. A represión franquista fixo do xornal un dos seus obxectivos, sendo fusilados o seu editor Ánxel Casal e o seu director Víctor Casas.
4. Rúa Rego de Auga, 16. A Libraría Rexional. A Cova Céltica.
Uxío Carré Aldao, escritor, editor e libreiro merca a librería de Martínez Salazar situada na rúa Rego de Auga na Coruña, librería onde se constituirá o faladoiro ao que acudían, entre outros, Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Pérez Ballesteros, Tettamancy, Galo Salinas, Martelo Paumán, Florencio Vaamonde Lugrís Freire e Eladio Rodríguez González. Os inimigos dese protonacionalismo puxeronlle o alcume de Cova Céltica, que moi pronto foi autoproclamado por eles mesmos. Libraría e editora, editou algúns tomos da Historia de Galicia de Murguía e máis de vinte títulos fundamentais na cultura galega. De Rego de Auga trasladaríase máis tarde a rúa Real número 30.
5. Teatro Rosalía de Castro. Primeiros Xogos Florais
O 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña (hoxe Teatro Rosalía de Castro) os primeiros Xogos Florais de Galiza. O seu promotor foi Antonio de la Iglesia, quen fai facer unha defensa afervoada do uso do galego. Participaron na súa organización, entre outros, Juana de Vega e Benito Vicetto. López Cortón custeou a edición do Álbum de la Caridad, que vai ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento, e no que recolle toda a información relativa ao desenvolvemento destes Xogos Florais, os traballos premiados no certame e a antoloxía poética denominada Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. Os Xogos Florais da Coruña de 1861 abriron o camiño para outros que se desenvolverán en Pontevedra, Santiago, Ourense, Vigo e Tui, todos eles co obxectivo de prestixiar a lingua. A velada dos Xogos Florais da Coruña foi conducida no musical por Canuto Berea.
6. Teatro Rosalía de Castro. Nacemento do himno galego
O Himno galego nace na cidade da Coruña. Aínda que a “estrea oficial”, grazas ao impulso da comunidade galega emigrada en Cuba, ten lugar o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana, nacera anos antes ligado, música e letra, á nosa cidade. Pascual Veiga, mindoniense de nacemento, e director de orfeóns e corais na Coruña encarga a elaboración dun texto ao poeta nacional do momento, Eduardo Pondal, con obxecto de que, á maneira doutras marchas doutras nacións “sexa cantado en toda Galiza co entusiasmo que esperta no ánimo o Sentimento da patria”. En 1890, o Orfeón Número 4 da Coruña, dirixido por Pascual Veiga solicita ao Concello a organización dun certame musical, no Coliseo de San Jorge (hoxe Teatro Rosalía de Castro) para coas partituras presentadas escoller a música do himno galego. Como Veiga era organizador non podía presentarse mais compuxo unha partitura por se o concurso quedaba deserto. Segundo o xurado, o gañador foi o compositor catalán Ivo Gotós. Mais a música de Gotós caeu no esquecemento e será Pascual Veiga quen logre coa súa composición acompañar o poema Os pinos de Pondal.
Hai constancia da súa interpretación en Galiza antes de 1907 a través dos coros que o músico mindoniense dirixiu até a súa morte en 1906.
7. Rúa Real, 36. Editorial Nós
O traballo realizado por Ánxel Casal. Inxente foi o seu traballo editorial: creou a editorial Lar xunto con Leandro Carré Alvarellos e funda a editorial Nós. Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós, deixou dito Castelao. O gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo no campo da industria cultural, na idea da creación dunha estrutura editorial estable que tivese o galego como vehículo de comunicación. Foi Casal quen editou a Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Manoel Antonio, Ramón Villar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, Víctor Casas, Filgueira Valverde… Editou literatura, historia, ensaio político, propaganda… Con el colaboraron como ilustradores Seoane, Camilo Díaz Baliño, Maside…
“Casal, rexo, ledo, optimista, esparexeu a mans cheas a gracia e a forza dunha nova literatura sobre o mundo.” O Libro dos amigos (Otero Pedrayo . Ediciones Galicia, Bos Aires, 1953)