Cando se decide dar o nome dun escritor/a a un centro de ensino é un xeito de homenaxe, mais neste caso podemos dicir que a historia comeza ao revés. O 20 de maio de 1908 constituíuse en Bos Aires a Comisión Curros Enríquez co obxectivo de arrecadar fondos para levantar as escolas que levarían o nome do poeta, chegándose a xuntar 16.000 pesetas que foron remitidas á Coruña á comisión formada polo alcalde, representantes do Circo de Artesáns, Academia Galega e a Asociación da Prensa. Aínda que a inauguración das Escolas Curros Enríquez se adiou por moitos anos, quedaba aí expresada a vontade de unir o nome de poeta á cultura galega.
Ao inicio da Guerra Civil o edificio, aínda sen finalizar, foi empregado como centro asistencial de feridos e posteriormente como fábrica de armas. Aínda haberá que esperar a novembro de 1963 para que comece a funcionar como centro de ensino.