ROTEIRO DE SYRA ALONSO

Syra Alonso converteuse, sen pretendelo, na relatora da crónica do terror vivido na Galiza baixo a bota do fascismo. Os seus Diarios permiten coñecer de primeira man a extrema represión sufrida nos primeiros días do golpe de estado de 1936. É a testemuña do acontecido na cidade coruñesa protagonista da dureza deses días, meses e anos.

Syra escrebe varias copias dunha crónica que lle quere deixar aos seus fillos en primeiro lugar, se cadra consciente do borrado ao que ía ser sometido o seu home, o pintor coruñés Francisco Miguel. Mais tamén nos deixa con eles dous exercicios de catarse individual e colectiva. Até en dúas ocasións se pecha co seu lapis. En 1938 en Tordoia recolle os feitos acontecidos desde o levantamento do 18 de xullo até que ela pode ser testemuña da morte do pintor nun lugar de Bergantiños: “Coa modesta esmola dos labregos desta aldea soterrei os restos do pintor Francisco Miguel” dicía o párroco de Bértoa. En 1945 chega o segundo diario escrito despois de finalizada a II Guerra Mundial. A ameaza global do fascismo parecía reducirse, pero a súa terra natal seguía baixo esa bota. Syra desde a outra beira do Atlántico fai unha crónica máis plural na que mestura os acontecementos do pobo coa súa loita por sacar os seus fillos cara o exilio do México de Cárdenas. Fiel, detallada, dura, emotiva e tráxica. Fainos revivir a súa dor.

Este roteiro percorre os lugares da súa vida e dos seus Diarios. Volume editado por A Nosa Terra no ano 2000 e por Alvarellos no ano 2025, ambas edicións seguindo a proposta de recuperación e redacción de Carme Vidal e a tradución de Anxos Sumai.

Se queres descargar este roteiro en formato PDF podes facelo desde aquí.

1. San Cristovo das Viñas

A igrexa de San Cristovo das Viñas foi unha das parroquias do antigo concello de Oza, desde 1912 anexionado ao da Coruña. Trátase dun templo típico da estética barroca rural galega con elementos engadidos de distintas épocas.

Nesta parroquia, afastada do centro da cidade Syra e Francisco Miguel casan un venres 19 de novembro de 1920, ben cedo; ás 7:30 da mañá. Aínda que poderíamos pensar que casan case ás agochadas, o certo é que son testemuña da cerimonia a familia de Syra encabeza polo seu pai, que exerce de padriño. As horas temperás debíanse, como di a noticia de prensa, polas présas para coller o tren e comezar a súa viaxe de noivos.

2.Rúa Fernando González, 5-1º

A burguesía comercial, clase social emerxente neste primeiro terzo do século XX, aséntase de maneira maioritaria no novo barrio. As novas construcións, a rede de sumidoiro, pavimentacións, todas as novas comodidades que veñen acompañadas de rúas anchas a nivel do mar,  farán  que o barrio  sexa un lugar desexado para as familias con maiores posibilidades económicas.

Desde 1917 a  1927 aparecen aveciñados os membros da familia Alonso Brufau nesta casa proxectada por Julio Galán en 1908, de onde sairá Syra para casar con Francisco Miguel.

3.Praza de Lugo 14 - Rúa Betanzos 1

A vida de Syra vai estar moi ligada ao Ensanche coruñés. A familia deixa a Pescaría da súa primeira infancia para instalarse no novo barrio da cidade. Alí o seu pai Ramón Alonso Moise estará máis próximo aos círculos cos que se relaciona no ámbito laboral. Coñece empresas de produtos siderúrxicos e ferraxería pasando de ser, no 1916 un dependente a ser socio e apoderado da empresa Fernández, Torres y Cª, unha das grandes casas comerciais da cidade.

En agosto de 1921 abandona a súa antiga sociedade e se embarca na aventura en solitario. Inaugura un almacén propio na praza de Lugo 14 esquina rúa Betanzos 1, especializado en ferros, aceiros, metais e ferraxaría.

4. Rúa Francisco Mariño

Cando chegamos a Coruña eran as oito da mañá. Francisco Miguel aloxouse nunha pensión da rúa de Mariño. […] A pesar do perigo que supoñía para min o regreso a Santa Cruz, non tiña máis remedio que volver, pois no fogar estaban os meus fillos.

As miñas mans levantan a grosa argola de cobre do portal da pensión. […] Mañanciña do domingo, nun reloxo veciño son as cinco.

A rúa Francisco Mariño atopábase no epicentro da vida de Syra tras a fuxida da súa casa de Santa Cruz, da Casa da Felicidade. Tras conseguir liberar a Francisco Miguel a primeira vez que é apresado, e temerosos de que volva ocorrer o mesmo, a parella alóxase nunha pensión desta rúa da cidade, zona de gran dinamismo. 

Non aparece nos libros de rexistro ningunha pensión mais é posible que fora unha das tantas casas que alugaron habitacións neses primeiros días da guerra para gañar uns cartos.

A rúa leva o nome dun alcalde da cidade que faleceu mentres desempeñaba o cargo (1905). No seu mandato logrou converter en realidade unha serie de proxectos que levaban tempo paralizados como a mellora no alumeado eléctrico, a reforma da batería de Salvas, a ampliación do cemiterio, ou o comezo das obras do edificio do concello.

5. Camiño Novo (Cuartel da Garda Civil)

Cun plan para salvalo, no que figura xente que sei que pode facer algo, e posuída tamén de gran fe, diríxome ao Camiño Novo coa idea de ver un antigo amigo que desde a guerra se puxera voluntario ao servicio da Garda Civil. Cando entro no seu despacho non tardo en decatarme de que estou diante dun home que non sei se é amigo ou inimigo.

A sede da Comandancia da Garda Civil da Coruña situábase na esquina das rúas Médico Rodríguez e Camiño Novo, preto da antiga praza de touros.

A porta principal situábase cara á actual rúa Médico Rodríguez, ocupando o centro da fachada un arco que permitía o acceso de vehículos grandes como carruaxes ou cabalería.  O cuartel contaba con tres alturas e nas esquinas unha última planta que se elevaba por riba da cuberta. Na década dos sesenta o seu deterioro e abandono levaríao ao derribo en 1966.

A este cuartel trasladarán a Francisco Miguel o 22 de setembro tras permanecer apresado nas dependencias da Brigada Social. Nos derradeiros momentos da vida de Francisco Miguel, Syra vivirá entre a pensión e o cuartel. Vivirán o máis grande engano, a máis cruel das mentiras: facerlle crer que Francisco Miguel sairía en liberdade cando xa estaba sentenciado a morte.

Casa del Pueblo

6. Rúa Juana de Vega

Vinme na necesidade de buscar habitación noutro lugar, porque o dono da miña pensión necesitaba a casa. Atopei un cuarto moi amplo e fermoso cheo de sol na avenida Xoana de Vega. Tiña unha longa galería de cristais desde onde se vía o mar e a baía cos seus barcos de pesca e onde aparecían, por veces, grandes buques mercantes.

Seis días non son nada, pero para min, atormentada pola incerteza, aqueles días foron interminábeis. Nin nos cuarteis de Falanxe nin nos da Garda Civil me daban razón do que fixeran con Francisco Miguel.

Tras a morte de Francisco Miguel, Syra ten que sobrepoñerse polos seis fillos, uns rapaces que permanecen ao coidado da súa avoa materna.

Aposta pola supervivencia, por espantar a dor que non le deixa pensar e inicia un camiño que lles permita saír deste lugar. Nese camiñar instálase en diferentes pensións, unha delas nesta céntrica rúa. Aquí non só estaba a pensión de Syra, senón que ao carón da igrexa xesuíta atopábase o cuartel da falanxe. No edificio onda na República fora a Casa do Pobo, e que tras o golpe de estado o edificio foi incautado.

Rúa do Orzán

7. Rúa Orzán, 44

Filla da Pescaría coruñesa. Ese é o lugar onde Sira nace, onde comeza a dar os seus primeiros pasos. O barrio entre dous mares. O barrio de comerciantes e de xente do mar. 

No mes de xaneiro de 1899 atópanse no padrón municipal aveciñados na rúa Orzán 44, a Ramón Alonso Moise e Sira Brufau Mosquera, unha parella nova de 24 e 22 anos respectivamente, casada en agosto do ano anterior e que aínda convive cos pais del.

A parella está a esperar a súa primeira filla, unha nena que se chamará coma a súa nai: Syra. Onacemento se produce  no mes maio dese mesmo ano.

A familia Alonso Brufau vai crecendo obrigando ao cambio da casa, mais non de rúa. Seguirán vencellados á rúa do Orzán, agora no número 90 2º andar. No padrón de 1903 Syra ten tres irmáns pequenos. Durante a estancia neste domicilio será veciña a familia Rodríguez Yordi. Un dos seus fillos, Julio Rodríguez Yordi, será íntimo amigo da parella nos anos de mocidade e integrante do faladoiro A Peña da rúa Real.

Rúa Real

8. Rúa Real

Vivía nunha pensión na rúa Real, unha casa antiga cun longo corredor e con moitos cuartos. Para habitar o meu cuarto tiven que quitar os mobles de mal gusto e no seu lugar puxen un diván cuberto cun sarape mexicano dos que se fabrican en Oaxaca, uns almofadóns de liño azul, unha mesa, unha lámpada, unha cadeira de brazos e uns andeis de madeira cos meus libros. Nos muros grises unhas reproducións do Greco e uns debuxos de Francisco Miguel.

Tras a morte de Paco Miguel, Syra precisa buscar traballo. Facer cigarros será a súa nova ocupación e con ela tecerá unha nova rede de amizades que lle axudarán a seguir adiante. Porén, coa entrada en vigor da lei do racionamento de tabaco (1 de outubro de 1940) sofre un novo revés. A tarxeta de fumador daba dereito a adquirir o produto só nas Expendedurías, e o control e reparto estaba a cargo da Tabacalera S.A. Tras a nova lei, Syra deixa o negocio por falta de materia prima. Mais este feito dá conta da valentía da nosa protagonista, que non se acovarda, que loita pola súa vida, polos seus fillos e pola promesa de marchar cara a México. Todo a que fará a partir do asasinato do seu marido estará vencellado a un único obxectivo: marchar do país.

Igrexa de San Nicolás

9. Igrexa de San Nicolás

Na Igrexa parroquial de San Nicolás da Coruña termo e provincia do mesmo nome a primeiro de xuño de mil oitocentos noventa e nove: Eu o párroco. D. José Nieto, Coadxutor da mesma, con expresa licenza do Rr. D. Jacobo Freire Barbeito, Cura párroco dela, bauticei solemnemente, pura os santos óleos e o nome de Sira María de los Ángeles, a unha nena que naceu ás nove e media da mañá do nove de maio último, na rúa do Orzan nº44, filla lexítima de Don Marcos Ramón Alonso, natural de Matanzas, illa de Cuba e de Dona Sira Brufau, de Alxeciras, Cádiz:

Avós paternos D. Baltasar de Couzo de Salas, Ourense e Dona Juana Moyse, da cidade da Habana: Maternos D. Rafael e Dona Manuela Barbeito, desta de S. Nicolás; foron padriños o avó paterno e a avoa materna, desta vecindade

Libro de bautizos. Arquivo Histórico Diocesano- Arzobispado de Santiago de Compostela

10. Goberno Civil - Comisaría

Sen un aceno no meu rostro chego á Comisaría. Na porta un policía impídeme a entrada […] Sete horas boto no limiar dunha porta, dóenme os pés e teño frío. Dan no reloxo do concello cinco badaladas. Por fin escampa, flotan lentamente no ceo as nubes, a treitos o ceo é intensamente azul […] que pouco me importan os risos de burla que desde o balcón me lanza a Brigada Social!

[…] O sol ponse e as torres das igrexas da Cidade Vella ilumínanse baixo a vermella chama do solpor. Os meus nervios vibran como arames tesos sacudidos polo vento. Sinto un gran desexo de subir e de esmagar os tres caciques que están a acusar a Francisco Miguel

 […] desde unha porta da comisaria e no medio dos gardas de asalto está Miguel. Vou onda el e dime en voz baixa os nomes dos que o acusan, que son os mesmos que vin subir. Nun coche celular é levado a Comandancia militar e, mesmo que pola mañá, sigo o seu camiño. Media hora despois, escoltado por catro soldados, é conducido ao cárcere.

Syra, resistente, valente, serena pero con mil medos no corpo, consegue acceder á comisaría, e cun golpe de sorte, ver a Francisco Miguel. Durante a noite agarda na porta, sente medo do que poida pasar. Pola mañá ve cruzar a rúa ao taberneiro do porto de Santa Cruz. Sabe que é el o que vai testemuñar contra Francisco Miguel. Mais non pode evitar que o home entre, que fale.

En 1936 a Comisaría da Brigada Social instalouse de xeito provisional nos baixos do Goberno Civil. A entrada era pola rúa Agar. A Brigada Político Social foi a policía secreta que existiu en España durante a ditadura, encargada de perseguir e reprimir todos os movementos da oposición ao franquismo.

A día de hoxe aínda se pode percibir a pegada da porta (hoxe tapiada) da comisaría do Corpo de Vixilancia instalada nos baixos do edificio ocupado polo Goberno Civil.

A incerteza e o desexo de saber dunha vez o que fixeran con Francisco Miguel obrigoume a petar na súa porta. Só pasaron uns minutos e o fillo de Vallés entrégame un papel escrito con lapis vermello que di isto: “Francisco Miguel Fernández Díaz quedou no lugar de Arreaga de Arriba, na parroquia de Bértoa, concello de Carballo, do 28, ao 26 ou 27”

O 9 de agosto nomearon como novo Gobernador Civil a Florentino González Vallés quen firmou, entre outras, as sentenzas de morte de Joana Capdevielle.

O matrimonio formado por Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle chegou a Coruña en abril de 1936 tras o nomeamento del como Gobernador Civil.

Cando o 20 de xullo os rebeldes declararon o estado de guerra, tras deter e arrestar aos xenerais Salcedo e Caridade Pita, Pérez Carballo permaneceu no seu posto de mando xunto ao alcalde Suárez Ferrín, resistindo durante varias horas o asedio dos militares sublevados que comezaron a bombardear o edificio desde o Parrote. Foi detido, apresado e fusilado o 24 de xullo preto de Punta Herminia, nas inmediacións da torre de Hércules.

 A súa muller, Xoana, foi detida, liberada, novamente detida e salvaxemente asasinada. Apareceu o seu corpo o 18 de agosto.

11. Rego de Auga, 32

Un día deixei de lado todos os escrúpulos e resolvín amañar dunha vez a miña viaxe. Na sala de espera do pazo de Goberno escribinlle unha nota ao gobernador: “Syra Alonso desexa de vostede un permiso para expoñer na Asociación de Artistas a obra póstuma do pintor Francisco Miguel

[…] El Ideal Gallego deu a noticia. Apoiada polo permiso do gobernador e pola futura venda dalgúns cadros preparei todo con facilidade.

En abril de 1934 inaugurábase a Asociación de Artistas da Coruña no número 32 da rúa Rego de Auga. O seu obxectivo foi sempre converterse nun espazo de exposicións permanentes exhibíndo obras tanto dos seus asociados como doutras artistas. Estivo no mesmo local até 2015.

A exposición que organiza Syra na Asociación de Artistas se publicita no xornal El Ideal Gallego o día 9 de maio de 1940 e tiña unha dobre finalidade para ela: poñer a obra de Francisco Miguel fronte aos golpistas e vender a obra para recadar diñeiro e así marchar da cidade.

Aínda que Syra conta cos permisos do Goberno Civil a exposición prohíbese o mesmo día da súa inauguración. O exército disolve as xentes que esperaban na rúa a súa apertura de portas.

Peirao da Mariña

12. Peirao da Mariña

Avanzamos polo mar rumbo a Coruña. No porto recibo unha triste noticia: nun monte do lugar de Rábade, preto de Lugo, foi asasinada a señora do gobernador Pérez Carballo. Ante esta noticia síntome abraiada, nervios, unha nova dor viña sumarse ás xa tantas sufridas. Pero era o comezo, aínda tiña que presenciar moitas, moitísimas máis.

Por fin desembarco en compañía dos meus tres fillos e diríxome á casa da miña nai, que me promete coidalos para que eu poida atender a Paco Miguel. Isto é, no medio de todas as miñas penas, unha tranquilidade, que os meus fillos estean ben e seguros.

O peirao da Mariña foi durante moitos anos lugar de chegada e saída daquelas persoas que acudían a cidade por diversos motivos. O transporte marítimo era moi utilizado, unha liña regular facía varias viaxes ao día con paradas en Mera, Santa Cruz e Santa Cristina. Eran barcos pequenos que facían o percorrido en 45 minutos.

O peirao convertíase así nun lugar de encontro e tamén da chegada de noticias.

13. Xardín de San Carlos

Lembro a tarde do 18 de setembro. Teño tanto por que lembrala! Saímos aquel día ás catro da pensión e fomos camiñando ata o noso lugar favorito que era o Xardín de San Carlos. […] Miguel faloume dos seus cadros, do gran desexo que tiña que pintar. Como lle doía deixar Galiza e a casa de Santa Cruz!

 […] Unha nube negra cobre a lúa, a claridade da noite comeza a escurecerse e unha chuvia triste e silenciosa molla as baldosas. Atravesamos as rúas da cidade vella debilmente alumeadas, camiñamos polas rúas tristes e fermosas. Sinto a necesidade de afastarme daqueles lugares onde o tanxer das campás soa a morto.

A Cidade Vella foi testemuña muda daquel último paseo entre Syra e Francisco Miguel. Nesas rúas, silenciosas e solitarias, a parella compartirá moito máis que un paseo, compartirá os medos, as inquedanzas, imaxinando un futuro amputado.

O xardín, a praza das Bárbaras, as rúas ou o tinguir das campás da Colexiata son referencias os recordos que amosa Syra daquela tarde de paseo.

Cárcere da Torre

14. Cárcere

O que máis glorifica a Galiza é o valor das súas mulleres. Que facer para que non continuasen aqueles crimes? Acordaron non separarse nin de día nin de noite das portas do cárcere. Antes a morte que deixar saír os homes! Dramática era a garda que formaban aquelas valorosas mulleres que, golpeadas polos gardas, resistían heroicamente. Os soldados sabían que se as metrallaban deixaríanse morrer antes de abandonaren o seu posto de sentinelas. Estas mulleres, que eras as nais, esposas, fillas e irmáns dos prisioneiros, non viron saír os seus durante moitas noites, pois o seu heroísmo conmovía o corazón máis duro.

A prisión provincial da Coruña comeza a súa fábrica coa colocación da primeira pedra o 2 de maio de 1925 cunha homenaxe a Concepción Arenal.

Abre as súas portas a finais de 1927, o arquitecto burgalés Juan Álvarez de Mendoza en colaboración co arquitecto municipal, Pedro Mariño foron os encargados do deseño.

No 1936 estes muros da prisión cobrarían un triste protagonismo.

Desde o principio do golpe de estado Galicia sufriu unha violencia sen límites coa pretensión de afogar calquera tipo de oposición organizada. Foron días de  incerteza con rumores de mortes e noticias agochadas.

A morte de menores, mulleres embarazadas e anciáns, execucións masivas, confinamento nos cárceres, sentenzas de morte dos tribunais militares sumiron a Galicia nun clima de terror

Homes culpados sen culpa ocupan as celas da prisión dá Coruña.

As nais, irmáns, avoas, mulleres, fillas; ocupan cada noite un posto diante da porta do cárcere para evitar que ningún home saia. Saben, o saben porque xa pasou, que quen sae pola noite, xa non volve. Son as mulleres muro.

No ano 2010 (a prisión levaba pechada desde 1998), o escultor Pepe Galán realizou para o Proxecto Cárcere a instalación “Mulleres muro”.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies