ROTEIRO AS LUCES DOS LIBROS NA CIDADE DO FARO
Faremos un percorrido por oito bibliotecas históricas da cidade, algunhas delas xa desaparecidas. As luces do dezaoito deixan na Coruña ilustrada a que será a primeira biblioteca pública da nosa historia contemporánea e logo á luz das ansias socializadoras do século XX van nacendo na cidade novas bibliotecas.
Se queres descargar este roteiro en formato PDF podes facelo desde aquí.
Tamén podes descargar a publicación cos debuxos dalgunhas das bibliotecas públicas da cidade realizada por Arturo Iglesias, con limiar de Manuel Rivas: As luces dos libros na cidade do faro
1. Rúa Tabernas, 11. Biblioteca da RAG
A colección da Biblioteca da Real Academia Galega comeza co propio nacemento da Academia en 1906. Atesoura unha importante colección de pequenas monografías editadas pola comunidade galega en América e mais polo tecido asociativo galego a comezos do século XX. En 1919, faise con parte da Biblioteca do Convento de Montefaro, conformada polos fondos procedentes da desamortización, constituíndo hoxe o fondo máis antigo da Biblioteca da RAG. No mesmo ano, o herdeiro de Xosé Fontenla Leal doou a biblioteca de seu pai, iniciador e membro de honra desta institución, ademais dun excepcional bibliófilo galego. A Biblioteca continuou medrando coa incorporación de bibliotecas individuais como a de Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Marcial de Adalid, Galo Salinas ou o fondo Luís Seoane.
2. Rúa Rego de Auga, 37. Biblioteca Provincial
Os fondos da Biblioteca Provincial nacen cara 1845, case de xeito coetáneo á propia división administrativa das Deputacións. Os volumes proviñan principalmente dos procesos desamortizadores que viñan acontecendo na primeira metade do século XIX, neste caso fundamentalmente dos conventos coruñeses de San Agostiño, San Francisco e Santo Domingo. A Deputación aloxouse en edificios tan senlleiros como o desaparecido pazo Almeiras na rúa Torreiro, pero a súa sede máis sólida atopámola vencellada ao edificio do Teatro Principal –hoxe Teatro Rosalía– Alí atopamos na década de 1890 até 4 espazos destinados a albergar fondo bibliográfico. Un fondo bibliográfico que xa no século XX vai a trasladarse as dependencias da Deputación no barrio coruñés de Labañou onde permanecerá até os anos noventa canda outras institucións irmás: imprenta e arquivo. Ambas fican alí cando en 1994 prepárase o traslado só da Biblioteca ao seu edificio que fora base: o conxunto do Teatro Rosalía de Castro-Biblioteca da Deputación da Coruña. Froito dunha intensa remodelación interior a nova Biblioteca pasou a ser a máis moderna da cidade con fonoteca, bebeteca, hemeroteca un amplo fondo de facsímiles e unha coidada colección de arte nos seus corredores.
3. Praza do Pintor Sotomaior. Biblioteca da Casa do Consulado
A Biblioteca do Consulado, é unha institución cultural de carácter ilustrado. Pertence á Fundación cultural privada máis antiga de España, inscrita o 31 de xaneiro de 1807 no Protectorado de Fundacións Culturais. Foi a primeira biblioteca pública en establecerse na cidade da Coruña baixo o amparo do “Real Consulado de Mar e Terra” en 1803 e aberta ao público en 1806. Conta con volumes chegados de importantes coleccións como a de José Cornide ou Xoana de Vega. Entre as súas obras a destacar atópanse un incunable de 1498 ou un manuscrito de Quevedo.
4. Rúa do Sol, 8. Biblioteca Germinal
Nace a biblioteca Germinal co século XX, vinculada a unha sociedade anarquista, e as súas ansias de melloras sociais e laborais. Constituída en xullo de 1903 chega aos anos vinte cualificada como a mellor colección privada de Galiza. Chegou a atesourar oito mil volumes entre os que se privilexiaban as temáticas de carácter práctico e filosófico dentro dun forte espírito sindicalista. Se ben a súa sede inicial foi na rúa do Socorro esta foi mudando ao longo das súas tres décadas de existencia que pasa por diferentes locais na zona obreira da Pescaría coruñesa. En 1936 estaba situada na rúa do Sol e logo do golpe de estado franquista os seus libros foron queimados e roubados.
5. Rúa de Santo André, 36. Biblioteca do Circo de Artesáns
Unha entidade senlleira da cidade que desde a súa creación, en 1847 conta cunha espazo bibliotecario é unha entidade comprometida co desenvolvemento intelectual da cidade. A historia vese atesourada nas súas baldas entre o arquivo propio e as numerosas primeiras edicións en distintos idiomas que gardan. Foron aquí bibliotecarios personaxes senlleiros da cultura galega: Antón Vilar Ponte, Eladio Rodríguez, Ángel del Castillo…
6. Rúa Durán Loriga, 10. Biblioteca de Estudos Locais
A rede de bibliotecas municipais da Coruña conta con distintos espazos espallados por todos os barrios da cidade. A Biblioteca de Estudos Locais é herdeira das primeiras iniciativas do consistorio para universalizar o acceso á lectura. A biblioteca que estivera ubicada nun primeiro momento na casa do concello en María Pita pasa, xunto co Arquivo Municipal, ás dependencias de Durán Loriga na década dos setenta. Coa chegada do novo milenio esta rede municipal vaise multiplicando chegando a moitos barrios da cidade e nesta sede inicial están dúas bibliotecas, unha delas a Biblioteca de Estudos Locais que hoxe en día se ocupa de atesourar volumes impresos que teñan relación con temática herculina.
7. O xardín da literatura e o mar
De titularidade municipal, ou de asociacións vinculadas ao concello, A Coruña chegou a ter até tres espazos dedicados á lectura nesta zona privilexiada da cidade.
A biblioteca ao aire libre Concepción Arenal estivo instalada na carreira traseira do monumento á escritora. Cun proxecto do arquitecto municipal, Pedro Mariño, de características modernistas e clasicistas esta pequena arquitectura, entre monumento e expositor de libros, contaba con chave e espazo para un centenar de libros. Inaugurouse en agosto de 1924 e sabemos que trinta anos despois seguía en pé, cando o seu principal promotor
–Manuel Casás– faille unha visita para comprobar o seu estado e así o deixa por escrito.
Da biblioteca infantil ao aire libre quédanos unha bancada que estaba acompañada do seu letreiro e un templete expositor con libros seleccionados para público miúdo. Foi inaugurada en 1927.
A biblioteca Atalaya formaba parte do tipo de edificios versátiles destinados ao lecer nos xardíns. A principios dos anos trinta este proxecto asinado polo recén nomeado arquitecto municipal, Antonio Tenreiro, vén a ampliar os espazos ao aire libre dedicados á lectura nos xardín. Aproveitando esa versatilidade alberga distintas dependencias entre as que destacamos as destinadas á biblioteca. Sabíase que os dous pequenos espazos, biblioteca Concepción Arenal e biblioteca infantil non colmaban a necesidade dun espazo para o goce da lectura por iso se proxecta este novo espazo.
A literatura pasa aquí a formar parte dese goce sensorial, co mar á beira dunha bancada que albergaba unha árbore dentro do espírito da arquitectura máis vangardista.
8. Rúa Miguel González Garcés, 1. Biblioteca Pública do Estado
A historia da actual biblioteca xestionada pola Xunta de Galicia na Coruña pódese rastrexar até as últimas décadas do século XIX na biblioteca do Instituto de 2º ensino da cidade. A creación dos Rexistros da propiedade intelectual en 1879 nos Institutos de ensino nos lugares onde non houbese biblioteca provincial dependente do Estado e a lei pola que os centros con ese Rexistro serían xestionados por persoal do corpo de Arquiveiros, Bibliotecario e Anticuarios pode marcar o seu inicio, co nomeamento e toma de posesión do primeiro encargado dese corpo no mes de agosto de 1895.
Os lugares que ocupou esta biblioteca foi en primeiro lugar unha sala no novo edificio do Instituto Da Guarda da praza de Pontevedra inaugurado no ano 1890. Debido ás continuas necesidades de espazos foi trasladada ao edificio dunha nova Casa da Cultura, xunto co Arquivo (hoxe do Reino de Galicia), no xardín de San Carlos o ano 1955. Entre 1942 e 1986 exerceu como director Miguel González Garcés, de quen a biblioteca toma o nome cando se traslada no ano 1995 a súa ubicación definitiva. No barrio de Elviña atopamos hoxe as modernas e amplas instalacións desta biblioteca que conta, entre os seus 25000 títulos, con todo o editado na provincia desde 1958 e un importante Fondo Antigo que provén de mosteiros e conventos que foron desamortizados.