ROTEIRO AS IRMANDADES DA FALA
O 18 de maio de 1916 xorde na cidade da Coruña a primeira Irmandade dos Amigos da Fala. Antón Vilar Ponte convoca unha xuntanza nos locais da Academia Galega á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Lois Porteiro Garea, Micaela Chao Maciñeira, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza. Nace así a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego.
Se queres descargar este roteiro en formato PDF podes facelo desde aquí.
1. Rúa Álvaro Cebreiro
Comezamos na rúa Álvaro Cebreiro figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, é autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’, un Manifesto único na literatura galega. É, como o resto dos manifestos da vangarda europea, un manifesto de ton agresivo, rebelde, provocador e polémico. Diverxe deles na non pretensión de formar grupo nin crear escola, no seu compromiso político e nunha intransixente defensa da lingua.
Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacable contra os vellos. Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respectar aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa inhábil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe.
[ ]… comezamos pola máis agresiva intransixencia na Fala […] (porque) a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio.
2. Real, 36. Editorial Nós
Na rúa Real 36, estivo a Editorial Nós. Lembraremos aquí o traballo realizado por Ánxel Casal. Inxente foi o seu traballo editorial: creou a editorial Lar xunto con Leandro Carré Alvarellos e funda a editorial Nós. Ánxel Casal fixo por Galicia máis que todos nós, deixou dito Castelao. O gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo no campo da industria cultural, na idea da creación dunha estrutura editorial estable que tivese o galego como vehículo de comunicación. Foi Casal quen editou a Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Manoel Antonio, Ramón Villar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, Víctor Casas, Filgueira Valverde… Editou literatura, historia, ensaio político, propaganda… Con el colaboraron como ilustradores Seoane, Camilo Díaz Baliño, Maside…
“Casal, rexo, ledo, optimista, esparexeu a mans cheas a gracia e a forza dunha nova literatura sobre o mundo.” O Libro dos amigos (Otero Pedrayo . Ediciones Galicia, Bos Aires, 1953)
3. Teatro Rosalía de Castro. O teatro das Irmandades
As Irmandades, ao tempo que atendían os ventos de renovación que corrían por Europa, eran conscientes do valor do teatro como unha ferramenta de concienciación lingüística. Sen perder o favor das camadas populares, cumpría chegar coa lingua galega aos públicos urbanos e rachar coa idea de que idioma galego era válido só para tratar temas de ambiente mariñeiro ou labrego. O teatro galego xa coñecera antes propostas importantes, como a creación en 1903 da Escola Rexional de Declamación, mais as Irmandades apostan por un proxecto claramente anovador coa presenza de Fernando Osorio. Comezan a traballar coa tradución ao galego de As alegres comadres de Windsor e finalmente dispóñense a estrear A man de Santiña, de Ramón Cabanillas. Estábanse a poñer os alicerces do que sería o Conservatorio Nazonal de Arte Galego.
4. Rúa San Agostiño, 14. Manuel Murguía
Achegámonos á casa onde viviu os últimos anos da súa vida, e onde morre, o 2 de febreiro de 1923, Manuel Murguía.
“Foi el quen creou a teorización do feito nacional galego. E nesa fe viviu e morreu”. (Xosé Ramón Barreiro)
Foi Murguía unha figura fundamental na construción moderna da idea de Galiza nación, o máis destacado representante do galeguismo do século XIX. Casa con Rosalía de Castro en Madrid en 1858. O seu labor fundamental foi a investigación histórica e a divulgación desta, así como a de difundir o ideario político de defensa de Galiza. En 1862 Murguía rematou o seu Diccionario de escritores Gallegos e en 1865 editou o primeiro tomo da súa Historia de Galicia. En 1986 publicou Los precursores. Foi presidente da Asociación Rexionalista Galega.
Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que traslada a outros escritores da Cova Céltica e aos galeguistas de Cuba. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría até a súa morte. Murguía xa é moi maior cando se fundan as Irmandades, non asistirá á primeira reunión fundacional mais envía a esa xuntanza ao seu discípulo máis avantaxado, Manuel Lugrís Freire, e cede a sede da Academia Galega para esa reunión. Para os mozos e mozas das Irmandades, Murguía é o vello mestre.
O capítulo das queixas medio esquecido, pero vivo e inaccesible o dos dereitos que nos cómpren. Os pobos poñen decote unhas e outras no libro da súa historia: o que temos que facer é abrilo e ler nel. Nas súas páxinas misteriosas, encérrase sempre a lección necesaria. […] E o primeiro o noso idioma. (Discurso de Manuel Murguía nos Xogos Florais de Tui, 24 de xuño de 1891)
5. Casa do Concello. Lois Peña Novo
Diante da Casa do Concello lembramos a Lois Peña Novo. Con el o nacionalismo e a lingua galega chegaban a un salón de plenos.
En xullo de 1920 Lois Peña Novo tomou posesión da súa acta como concelleiro do Concello da Coruña. No seu cargo fixo que a bandeira galega ondeara no Concello e con el comezou a lingua galega o seu proceso da normalización na vida administrativa. Foi un dos máis activos redactores do Programa das Irmandades da Fala aprobado na Asemblea Nacionalista de Lugo. Membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía e poñente na presentación e defensa dese Proxecto Estatutario, en xuño de 1936 participa activamente na campaña a prol do Estatuto. Lois Peña Novo foi, con varios libros e centos de artigos publicados en El Pueblo Gallego, Galicia, A Nosa Terra, Acción Coruñesa ou Nós, un dos principais estudosos da realidade socioeconómica galega do primeiro terzo do século XX.
“Eu quero que Galiza entre no concerto dos pobos civilizados; quero que fale a súa lingua , que desenrole a súa cultura, que aporte o seu esforzo á civilización da Humanidade.”
(Lois Peña Novo. A Nosa Terra, 1922)
6. Praza de María Pita, 17. Escolas do Insiño Galego
Era o 8 de xullo de 1923 cando a Irmandade da Fala da Coruña decide crear as Escolas de ensiño Galego.
No número 17 da Praza de María Pita, na Coruña, reúnense as Irmandades da Fala para tratar unha proposta feita por un dos seus membros, Ánxel Casal. Esta proposta consistía na necesidade de fundar escolas para inculcar nas xeracións futuras a verdadeira conciencia galega. Así comeza a idea de crear as Escolas de Insiño Galego.
“Non lle abonda a Galicia que os seus fillos saiban ler e escribir. Galicia precisa que os seus fillos lean e escriban na súa Fala para que a sintan; que estuden na súa Xeografía para que a coñezan, e coñecéndoa a queiran; que lles digan das glorias dos seus homes para honralos; que beban nas fontes da súa Tradición, da súa Cultura e da súa Arte para que as continúen sen influenzas alleas e que saiban pola súa Historia dos aldraxes e das persecucións de que foi vítima.” (A Nosa Terra, 8/7/1923)
7. Rego de Auga, 38. Sede da Academia onde nacen as Irmandades da Fala
O 18 de maio de 1916 Antón Vilar Ponte convoca unha xuntanza nos locais da Academia Galega á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Lois Porteiro Garea, Micaela Chao Maciñeira, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza. Nace así a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego. Axiña se foron creando outras: Santiago, Monforte, Vilalba, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilagarcía, Cambados, Ourense, Madrid, A Habana… O corpus teórico das Irmandades vai ter como unha das súas bases a Doctrina nazonalista de Ramón Vilar Ponte. A nova asociación crea como voceiro desde a súa fundación a revista “A Nosa Terra”.
Naceron as “Irmandades da Fala”, segundo o seu mesmo nome indica, para velar polo noso idioma que se estaba esvaendo e para o facer rexurdir ocupando o posto que lle corresponde.[…]
Andou o tempo e o movemento lingüístico foise trocando nun movemento máis amplo que abarcase todos os aspectos da nosa vida galega. Ademais do labor a prol do idioma comezaron as “Irmandades da Fala” a estudar os problemas galegos e moi especialmente o da nosa liberdade política.
(Víctor Casas, A Nosa Terra, 1/2/1923)