ROTEIRO A CORUÑA DAS MULLERES

Este roteiro ten seis espazos nos que parar para contar seis lembranzas de mulleres que non atoparás nos libros de historia da literatura máis que nós sabemos que é necesario contar.

Contra a desmemoria, para aportar luz, para protexernos do esquecemento, para coidar as lembranzas e a cultura, para coidármonos todas nós.

Se queres descargar este roteiro en formato PDF podes facelo desde aquí.

Mari Luz Morales

1. Obelisco. En lembranza de Mari Luz Morales

“Sempre houbo mulleres insignes en Galicia. En todos os tempos, en todos os campos, baixo todas as luces. […] Cada unha brilla con luz propia e deixa tras de si luminoso ronsel…”

Con estas palabras de Mari Luz Morales , a primeira muller que dirixe un xornal no estado español, La Vanguardia de Barcelona, damos inicio a este roteiro.
Xornalista, editora e crítica cinematográfica, Mari Luz Morales (A Coruña 1898 – Barcelona 1980). Con 26 anos incorporouse a La Vanguardia na sección de cinematografía onde escribía crítica baixo o pseudónimo de Felipe Centeno. En paralelo co xornalismo levou a cabo unha intensa actividade literaria, na que cultivaba a literatura infantil con adaptacións de obras mestras da literatura publicadas pola editorial que dirixía, Ediciones Araluce. Algunhas desas adaptacións, de autores coma Homero, Esquilo, Sófocles, Dante, Shakespeare, Johann Wolfgang von Goethe, Miguel de Cervantes ou Tirso de Molina, seguen a editarse na actualidade.
En Barcelona será a representante da Asociación de Escritores Galegos e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza. Logo do golpe militar, o xornal La Vanguardia pasa a estar controlado por un comité obreiro que a nomea directora, era a única muller da redacción. Co triunfo do franquismo é acusada de pertenza ao Partido Galeguista e é encarcerada nun convento barcelonés e inhabilitada para exercer a profesión. Logo da morte de Franco foi rehabilitada e continuou a súa actividade, xa como redactora, no Diario de Barcelona.

Concepción Arenal

2. Real, 56, na casa que foi de Juana de Vega, a súa mecenas e amiga, lembramos a Concepción Arenal

“Abride escolas e pecharanse cárceres”
Concepción Arenal (Ferrol1805 – Vigo1872), escritora, xornalista e ensaísta.

Pode que fose a primeira muller en asistir a unha universidade española, para o que tivo que acudir disfrazada de home, porque non se permitía á muller o acceso aos estudos superiores.
Foi nomeada Visitadora de Cárceres de Mulleres en 1863, defensora dos dereitos das persoas presas e das mulleres. Reivindicou sempre a igualdade en todas as esferas sociais para a muller. En 1869 publicou A muller do porvir, que a sitúa como pioneira do feminismo. Entre as súas moitas obras publicou na Coruña Cartas aos delincuentes, 1865, e A voz que clama no deserto, 1868, posibelmente co mecenado de Juana de Vega.
En 1915 a Reunión recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña iniciou unha campaña de recollida de doazóns para erixir un monumento de homenaxe na Coruña. Esta iniciativa tivo un importante seguimento por parte da colectividade galega de Ámérica . O monumento foi inaugurado en 1916.

Syra Alonso

3. Real, 45, na Libraría de Arte, lembramos a Syra Alonso

“O que máis glorifica a Galiza é o valor das súas mulleres”

Aquí estaba ubicada a Libraría de Arte, a libraría de Francisco Miguel, o pintor ao que os franquistas deixan morto nunha gabia e coas mans cortadas e da súa muller Syra Alonso.
Syra María Alonso Brufau, escritora e unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista, nace na Coruña en 1899. Sendo moi nova coñece o que sería o seu home, o pintor Francisco de Miguel e xuntos ocúpanse da Libraría da Arte da coruñesa rúa Real, lugar de encontro dos intelectuais e políticos republicanos e galeguistas.
En agosto de 1936 os golpistas deteñen a Francisco de Miguel, o corpo aparecería salvaxemente torturado e mutilado na parroquia carballesa de Bértoa o día 29 dese mesmo mes. Logo de enterrar o seu home conseguiu saír cos seus fillos para México en 1942, vía Lisboa. Despois de máis de medio século de exilio, no ano 2000 soubemos dos Diarios de Syra Alonso (editados en A Nosa Terra na Colección Mulleres), e descubríanos un extraordinario texto memorialístico, contado en primeira persoa do xenocidio sufrido pola poboación galega despois do golpe de estado fascista de 1936. Syra Alonso escribira a primeira parte dos seus diarios en Tordoia, datados en Compostela en 1938, e a segunda xa na localidade mexicana de Actopán, en 1945

Mercedes Núñez

4. Real, 10. Diante dun bazar que facía esquina co Cine París foi detida Mercedes Núñez

Figura relevante na literatura memorialistica que contou en primeira persoa o cárcere, o exilio e a deportación e os padecementos nos campos de concentración nazis de Saarbrücken, Ravensbrück e Leipzig-Schönefeld.
Activista comunista, esta filla dun xoieiro bergondés nace en Barcelona. En 1939 para escapar dos fascistas vén agocharse á que fora a casa paterna mais é detida na rúa Real, pasa polo penal de Ventase e por un erro burocrático é posta en liberdade e consegue fuxir a Francia, mais remata no campo de concentración de Ravensbrück, o terrorífico destino onde unhas dez mil mulleres foron asasinadas. Foi a representante en Galicia da asociación Amical de Mauthausen e morreu sen conseguir que as institucións galegas recoñecesen o papel dos deportados pero despois de ter contribuído coma ninguén a que a verdade e a xustiza triunfasen sobre o exterminio.
É autora de numerosos artigos e de dous libros, Cárcel de Ventas. París, 1967 (hai edición en galego Cárcere de Ventas. Vigo. A Nosa Terra, 2005. Con prólogo de Carme Vidal Laxe e tradución de Carlos Arias e Sira Vidal) e El Carretó dels gossos. Una catalana a Ravensbruck. Barcelona. Edicions 62, 1980.

Emilia Pardo Bazán

5. Esquina Rego de Auga/Rúa da Fama. Emilia Pardo Bazán

Contan que un día, paseando, Emilia Pardo Bazán (A Coruña 1851-1921) bateu co seu bastón no chan e afirmou: “aquí, nacín eu”. Certamente nesta rúa coruñesa nacería una das máis afamadas escritoras de todo o século XIX. As mulleres da súa xenealoxía familiar como súa avoa materna, María del Socorro Somoza y Piñeiro, que tivera que aprender a escribir as agachadas con zume de moras e a súa nai, Amalia de la Rúa, afeccionada a pintura e que incluso participara nalgunhas exposición das súas obras, determinaron a personalidade artística e literaria de Emilia Pardo Bazán.
A pesar de nacer no seo dunha familia fidalga e casar moi nova, nunca se conformou a ser relegada ao papel de anxo do fogar. Separouse do seu marido, conseguiu un permiso del para escribir e ser dona das súas transaccións económicas, marchou a vivir a Madrid, viaxou soa por Europa, frecuentou a intelectuais de renome, escribiu decenas de novelas, centos de contos e cerca de dous mil artigos periodísticos. Hoxe en día están considerada como unha das escritoras máis prolíficas da literatura en lingua castelá. En 1883 publicou La Tribuna, una das moitas novelas, protagonizada polas mulleres da Fábrica de Tabacos da cidade, que bautizou literariamente como Marineda. Escribiu mais de dous mil artigos xornalísticos, fundou e dirixiu dúas revistas, foi correspondente para dous xornais, publicou decenas de novelas, máis de seiscentos contos, foi autora teatral e converteuse na primeira catedrática do estado español. Loitou durante toda a súa vida polo dereito á educación das mulleres e en todas as súas obras visibilizou os problemas femininos e as inxustizas ás que se tiveron que enfrontarse as súas coetáneas e foi pioneira na denuncia dos asasinatos de mulleres por parte dos homes que denominou “mujericidios”.

Elvira Bao

6. María Pita, 17. En lembranza da Irmandiña Elvira Bao

É Elvira Bao Maceiras unha pioneira na edición do libro en galego.
Foi mestra no Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até 1936, ano en que foi nomeada directora. No ámbito político, foi unha activa militante do galeguismo e do republicanismo. Militou nas Irmandades da Fala da Coruña, sendo Secretaria da súa Xunta Directiva en 1918 e colaborou tamén no seu Cadro de Declamación como actriz. Cando no ano 1923 as Irmandades da Fala deciden crear as Escolas de Insiño Galego pénsase en Ánxel Casal para a escola de nenos e Elvira Bao para a escola de nenas, mais a enfermidade da nai de Elvira e a necesidade da súa atención son as que impiden abrir esta sección da escola. Elvira Bao foi membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933 e foi a 1ª presidenta. Xunto ao seu home Bernardino Varela Docampo editaron o primeiro libro en galego de autor, Contos pra nenos, cun texto de autoría de Vicente Risco e ilustracións de Álvaro Cebreiro ao que deberían seguir outros libros máis problemas económicos da familia impediron seguir co proxecto.
Como consecuencia do seu activismo político, logo do golpe de estado de 1936, pasou un tempo no cárcere e foi separada definitivamente do ensino público.

María Barbeito

7. Rúa María Barbeito/Porta de Aires. En lembranza de María Barbeito

Nada na Coruña en 1880, foi mestra, pedagoga, escritora e tradutora. Con destino na Escola Graduada Pública de Párvulos “Da Guarda”, centro que vai dirixir entre 1915 e 1936, puxo en marcha unha novidosa pedagoxía educativa que a converte en referencia e é a introdutora en Galiza dos principios de María Montessori. Colabora asiduamente en xornais e revistas de contido pedagóxico e social. Cunha especial preocupación polos temas relativos á muller, dá conferencias e publica textos sobre o tema, entre os que cómpre destacar “La Mujer, antes, ahora y después”, unha conferencia impresa en 1934 e pronunciada na Agrupación Republicana Femenina.
A franquista Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu en novembro de 1937 a súa separación definitiva do servizo e de todos os seus cargos. Unha vez apartada da función docente vai centrar gran parte da súa actividade na tradución de obras francesas.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies