ROTEIRO CASTELAO NA CORUÑA

 

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 29 de xaneiro de 1886- Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950) é a figura máis representativa da cultura e a política galega da primeira metade do século XX.

Escritor, debuxante, político, conferenciante, investigador e activista, foi director artístico da revista Nós, membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador habitual de A Nosa Terra. A comezos dos anos trinta convértese no principal referente público do nacionalismo galego. Como membro fundador do Partido Galeguista, xogou un papel esencial na cohesión do movemento e na promoción do Estatuto de Autonomía de 1936. A súa obra política fundamental é Sempre en Galiza, escrita no exilio e publicada en Bos Aires en 1944.

A tradición republicana e galeguista da cidade é o alicerce para esa relación profunda de Castelao coa Coruña: aquí participou nas Irmandades da Fala, colaborou con varios medios de comunicación, pronunciou conferencias, promoveu exposicións e participou en actos culturais e políticos fundamentais na historia política de Galiza.

A 1ª viaxe á Coruña da que temos constancia é de 1907 para actuar coa tuna. Os cafés -como La Peña-  e a libraría de Lino Pérez, na rúa Real, foron un lugar onde quedar a falar cos amigos, así como o restaurante do Hotel Palace onde en varias ocasións xantou con grupos de correlixionarios.  Incluso visitaba a cidade por motivos de saúde, para tratar os seus problemas oculares.

O Museo de Belas Artes garda nos seus fondos unha pintura e tres debuxos de Castelao.

Unha rúa da cidade, no barrio dos Rosales, leva hoxe o seu nome.

Se queres podes descargar o folleto deste roteiro en formato PDF.
Tamén tes á túa disposición un documento sobre a histórica exposición do álbum Nós no Circo de Artesáns da Coruña en 1920.

1.Escolas da Garda - Exposición de Arte de 1912

O 5 de agosto de 1912, nas Escolas da Garda, inaugurouse a I Exposición de Arte promovida pola Liga de Amigos e o Concello da Coruña, coordinada por un grande amigo de Castelao, o pintor Francisco Lloréns. Nela participaron os máis destacados artistas galegos do momento -Sotomayor, Corredoira, Sobrino, Taibo, Castelao, Seijo Rubio, Ovidio Murguía- xunto con outros chegados de fóra de Galiza. Foron expostas máis de 200 obras. Será neses días, nun xantar organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, cando Castelao e Antón Vilar Ponte se coñecen.

Cinco anos máis tarde, en 1917, Castelao tamén participou na II Exposición Regional del Arte Gallego celebrada nos salóns do aínda non inaugurado Pazo Municipal, na Praza de María Pita. Xunto aos máis destacados artistas plásticos do momento, catro pintoras participaran tamén nesa exposición: María del Adalid, María del Carmen Corredoira, Elena Olmos e Montserrat Rodríguez.

2. Xardíns de Méndez Núñez – Monumento a Castelao

Neste espazo emblemático da cidade, creado no século XIX en terreos gañados ao mar, pensado como un lugar de esparcemento e lecer cultural, -chegou a ter nos anos 20 e 30 da século pasado tres bibliotecas-, aséntanse nove esculturas dedicadas a grandes vultos da literatura. Unha delas honra a memoria de Castelao.

O monumento foi inaugurado en 1986 por iniciativa da Corporación Municipal. O seu autor é o escultor coruñés Manuel Ferreiro Badía. Trátase dunha escultura de vulto redondo tallada nunha soa peza de granito, onde se representa a Castelao de medio corpo. Na parte traseira, aparecen esculpidos un hórreo e un Cristo crucificado, símbolos que evocan a identidade galega e a solidariedade cos humildes, temas centrais na súa obra.

3. Obelisco e Cantón Grande – A prensa como ferramenta de loita cultural

Na contorna do Cantón Grande, entre o número 22 e a Rúa Real nº 26, estiveron situadas as redaccións dos xornais El Ideal Gallego e El Noroeste, nos que Castelao colaborou activamente nos anos vinte, con debuxos,  artigos e entrevistas.

El Ideal Gallego, dise que foi o 1º xornal que lle pagou a Castelao polos seus debuxos. Fundado en 1917, definíase como un periódico cun ideario católico, rexionalista e independente.

Pola súa banda, El Noroeste, fundado en 1896, tivo etapas próximas ao nacionalismo galego -chegou a contar como director a Antón Vilar Ponte-. En 1920, as Irmandades da Fala tentaron mercar esta cabeceira, pero non lograron reunir as 12.000 pesetas necesarias.

Entre setembro de 1918 e novembro de 1919, El Noroeste publicou o suplemento literario Nós -dise que o nome foi proposto por Castelao, monolingüe en galego, e dirixido por Eladio Rodríguez que encarga a Castelao o deseño da cabeceira –onde podemos ver os grifóns e os leóns do baseamento do Pórtico da Gloria- e realizou ilustracións para o diario e mesmo para a portada. O  primeiro número deste suplemento cultural -subtitulado Páxinas gallegas do Diario da Cruña El Noroeste-  sae do prelo o 10 de setembro de 1918. Ábrese co artigo do propio Eladio Rodríguez titulado Na xuntanza está a forza e na forza está o triunfo.

Castelao colaborou tamén con outros medios como La Voz de Galicia, a Revista Alfar -con sede tamén na rúa Real-  ou publicacións menores como é Kiosco Alfonso.

4. Circo de Artesáns – Exposición do Álbum Nós

A Coruña acolleu a 1ª exposición dos debuxos do que logo sería o Álbum Nós, un fito  fundamental na traxectoria artística de Castelao. En marzo de 1920, Castelao inaugurou no Circo de Artesáns unha exposición con debuxos do Álbum Nós, composta por 49 estampas e un autorretrato. “Seguramente esta exhibición  del gran humorista será la mejor que en su género se haya realizado en Galicia y tal vez en España” (El Orzán, 28/2/1920) Durante o acto inaugural, pronunciou a conferencia Humorismo, debuxo humorístico, caricatura, publicada máis tarde en A Nosa Terra. Xa en 1919 impartira neste mesmo espazo a charla Arte e galeguismo.

A exposición dos debuxos de Nós fora inicialmente proposta para o Pazo Municipal, pero ao non recibir autorización, trasladouse ao Circo, presidido entón por José Rodríguez Mártínez -Médico Rodrígez-, con Lois Peña Novo na vicepresidencia.

O Álbum Nós, publicado finalmente en 1931, contén imaxes realizadas entre 1916 e 1918 co obxectivo de denunciar o caciquismo, a inxustiza e o sufrimento da Galiza rural.  Cada debuxo vai acompañado por un texto escrito á man que completa e potencia a súa mensaxe crítica e humanista. En 1931 a casa Hauser y Menet publica, cun limiar do propio Castelao, estas 50 estampas mais un Ex libris.

Segundo a prensa da época despois da Coruña o Álbum Nós debería viaxar a Portugal mais o certo é que o 22 de maio dese ano 1920 os debuxos de Nós expóñense en Madrid. Na actualidade os orixinais do Álbum Nós están no Museo de Pontevedra.

Ademais das conferencias que impartiu mentres estiveron expostos os debuxos de Nós, tamén en xuño de 1923 pronuncia unha conferencia -O noso esprito-  neste espazo que tivo moito suceso.

5. Rúa Real, 36 – Editorial Nós e Ánxel Casal

No número 36 da rúa Real estivo a sede da Editorial Nós -e antes da editorial Lar de Leandro Carré e Ánxel Casal-, fundada en 1927 por Ánxel Casal, impresor, editor e activista político, figura clave do galeguismo cultural. Desde esta imprenta Casal impulsou a edición de obras fundamentais da literatura, do ensaio e do pensamento galego, cunha concepción avanzada do libro como obxecto cultural.

Castelao tivo unha relación moi estreita coa editorial e co propio Casal. Cando Casal foi asasinado, Castelao dixo “Casal fixo por Galiza máis do que todos nós”. Foi autor de varias das súas publicacións e tamén colaborador no deseño e na imaxe gráfica de Nós. En Lar e en Nós publicou obras súas tan destacadas como Cousas (1926 e 1929) ou Retrincos (1934), todas elas exemplos do compromiso de Castelao cunha estética galeguista e co idioma do país.

Desde este mesmo espazo -que tamén era o fogar de Casal e María Miramontes- tamén se editaba a revista Nós, da que Castelao foi director artístico, e na que publicou ilustracións, relatos  e ensaios sobre arte. A través desta revista e da editorial, construíuse un auténtico proxecto cultural e político, centrado na reivindicación da identidade galega e na proxección dunha Galiza culta, moderna e europea.

6. Teatro Rosalía –Estatuto de Autonomía (1931-1936)

O Teatro Rosalía de Castro foi centro neurálxico da vida cultural e política da Coruña dos anos 30.

Castelao, como nacionalista galego, participou activamente no proceso para que Galiza contase cun Estatuto que lle permitise gobernarse por si mesma. O Estatuto de Galicia de 1936 nace, realmente, o 4 de xuño de 1931 nos salóns do Teatro Rosalía da Coruña nunha magna Asemblea Republicana, convocada pola Federación Republicana Galega, organización que nucleaba a maioría dos partidos republicanos e galeguistas, de onde sae un documento que definía a Galiza como un Estado autónomo dentro dunha República federal. Castelao asistiu representando a Sociedade Coral de Pontevedra.

Tamén neste espazo tivo lugar o mitin inaugural da campaña a prol do Estatuto de Autonomía o 7 de xuño de 1936. A afluencia de público foi tal que o acto se celebrou á par -para dar acubillo a tanta xente asistente- no teatro Linares Rivas e foi retransmitido por todas as radioemisoras galegas.

Castelao pechou o acto no Rosalía cun discurso vibrante no que salientou que a autonomía galega era tamén clave para a consolidación da República. Segundo recolle a prensa da época, rematou preguntando: “Queredes a Autonomía?”, e tres veces o público respondeu: “Si!”

7. Rúa Rego de Auga, 38 – Sede das Irmandades da Fala

No primeiro andar deste edificio, estivo a primeira sede da Irmandade da Fala -nada na Coruña o 18 de maio de 1916-, compartida coa Real Academia Galega. Castelao incorporouse á Irmandade de Pontevedra en 1917 e participou activamente desde a primeira asemblea nacionalista de Lugo -aquela na que as Irmandades da Fala deixaron escrito “…nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”- até a fin da súa vida.

Nesta sede, organizáronse numerosas actividades culturais e políticas entre elas homenaxes ao propio Castelao. As Irmandades da Fala tamén publicaron algunhas das conferencias que Castelao impartiu na Coruña.

8. Praza de María Pita, nº 17 – Redacción de A Nosa Terra

Este espazo foi sede das Irmandades da Fala, d’A Nosa Terra e das Escolas de Insiño Galego. O semanario A Nosa Terra (1916–1936), voceiro das Irmandades e posteriormente do Partido Galeguista, acolleu numerosos textos e ilustracións de Castelao. Desde o número 25 -do 20 de xullo de 1917- as súas colaboracións foron frecuentes.

Foi tamén Castelao quen deseñou a cabeceira que empregou a publicación até 1920, inspirada na tipografía das inscricións medievais galegas. Algunhas -preto de vinte- das ilustracións publicadas neste xornal formarían máis tarde parte do Álbum Nós.

9. Praza de María Pita – Pazo Municipal e Real Academia Galega

Aínda sen inaugurar como Casa do Concello, o Pazo municipal acolleu obra de Castelao en exposicións colectivas e tamén este espazo foi testemuña dun acto lutuoso para o nacionalismo galego: a morte de Antón Vilar Ponte que foi velado aquí e a este velorio asistiu Castelao.

Neste Pazo Municipal, o 25 de outubro de 1931 celebrouse, con presenza de Castelao, a asemblea que aprobaría o texto de Estatuto pactado entre republicanos e galeguistas para enviar a todos os Concellos de Galiza.

Desde 1920 ata 1978, a Real Academia Galega estivo instalada no Pazo Municipal da Coruña. Baixo a presidencia de Manuel Lugrís Freire, Castelao foi nomeado académico o 25 de xullo de 1934 -o día anterior fora nomeado académico Antón Vilar Ponte-, no propio Día Nacional de Galiza tivo lugar o ingreso de Castelao. No seu discurso disertou sobre As cruces de pedra na Galiza, a resposta correu a cargo do académico Antón Vilar Ponte.

O  golpe militar,  a guerra civil e a derrota republicana frustraron calquera actividade posterior. Exiliado, nunca chegou a ocupar formalmente o seu posto.

A Academia mantivo viva a súa memoria e nunca declarou vacante a súa cadeira até o seu pasamento en 1950. En 1964, dedicóuselle o Día das Letras Galegas, sendo a segunda figura homenaxeada despois de Rosalía de Castro.

10. Praza do Humor - Monumento a Castelao

A antiga Praza dos ovos é na actualidade un espazo homenaxe aos grandes humoristas do mundo. O actual deseño da praza é de Siro López (escritor e debuxante) e foi realizado a principios dos anos 90.

Na parte superior da praza hai dous bancos coas figuras de Castelao e Cunqueiro. Realizado en granito –en base a un debuxo de Siro– polo escultor Francisco Escudero.

Cando en marzo de 1920 Castelao inaugura a exposición das ilustracións do álbum Nós imparte unha conferencia –posteriormente publicada A Nosa Terra–: “Humorismo, debuxo humorístico, caricatura”. En numerosas ocasións, en conferencias e textos, ten reflexionado Castelao sobre a arte e os artistas e sobre o humorismo en particular. Nela explica que a súa obra non pretende divertir a ninguén porque a situación do pobo galego non llo permite. Nin llo permite tampouco o seu galeguismo que o chama a non rir de quen padece as inxustizas se non a morder a quen as comete:

“En ben quixera que o meu ente rise con isa risa dos meninos, dos bós, dos sans e dos felices; mais coma humorista galego, fondamente e sinceramente galego, teño que afogar as miñas risas diante d’unha Verdade que chora.
N’un país ben gobernado, onde hai d’abondo fartura, os humoristas non choran nin firen; por iso non haberá optimismo nos humoristas galegos, enraizados na Terra, namentras escoltemos os seus laios de dor. E velahí tendes a razón do meu pesimismo, un pesimismo qu’eu maxino ceibador.”

Neste conferencia fai tamén unha crítica á pintura máis tradicional, “A pintura tradicional xa chochea”, e defende a necesidade de anovar as artes plásticas.

(*) O texto completo da conferencia foi publicado pola Real Academia Galega.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies