Nada na Coruña en 1957 e falecida no 2004, Luísa Villalta é unha das autoras imprescindibles do último cuarto do século XX. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego–Portuguesa, Luísa Villalta escribiu e amou a poesía. Libros seus son: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), Apresados sen présa (2002), Estudo das sombras (2002), Modulación de Orfeu (2002), En concreto (2004) e Papagaio (2006).
Profesora, poeta, violinista e tamén dramaturga, xa que Luísa Villalta escribiu teatro. Obras súas son: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999).
Luísa Villalta foi unha persoa sensible e comprometida con Galiza, coa súa cidade e coa súa xente. Desde o ano 2004, Luísa Villalta é socia de honra da nosa Agrupación Cultural.