Membro das Irmandades da Fala desde o seu inicio, elaborou o programa aprobado na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo. Foi o primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista en Galiza. No seu cargo fixo que a bandeira galega ondeara no Concello e con el comezou a lingua galega o seu proceso da normalización na vida administrativa. Foi membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía e poñente na presentación e defensa dese Proxecto Estatutario, en xuño de 1936 participa activamente na campaña a prol do Estatuto. Lois Peña Novo foi, con varios libros e centos de artigos publicados en El Pueblo Gallego, Galicia, A Nosa Terra, Acción Coruñesa ou Nós, un dos principais estudosos da realidade socioeconómica galega do primeiro terzo do século XX.
Ver mapa máis grande