A Coruña tivo unha importancia capital na edición do libro galego. Con Martínez Salazar comezara a edición galega moderna no ano 1885 co selo editor Biblioteca Gallega e continuaría no ano 1924 coa editorial Lar, creada por Leandro Carré e Anxel Casal.
No 1º andar do nº 36 da rúa Real, no domicilio do casal de María Miramontes e Ánxel Casal, en 1927, créase a editorial Nós, fundada por Ánxel Casal, que a converte na primeira grande editora galega, con tiradas de 3.000 exemplares e forte identidade gráfica, presentación estética de acordo coas tendencias máis comúns da edición europea do momento…
De Nós son os mellores 100 libros da literatura galega do seu tempo. Editou o xornal A Nosa Terra, monolingüe en galego, a revista Nós e os libros do Seminario de Estudos Galegos.