CURIOSIDADES DA CORUÑA LITERARIA
= A Biblia Kennicott = Amergin = A estrela Rosalía = Cidade do libro = Monumento ao libro = Revista Alfar =
= Mapa Mundi de Burgo de Osma = Marineda = Vidreira das escritoras = O libro que iluminou a cidade = A orixe literaria do nome da nosa cidade = O crowdfunding de Rosalía = Lenda da Torre de Hércules =
A Biblia Kennicott
Sabías que hai máis de 500 anos realizouse na Coruña un dos manuscritos medievais máis luxosos que existen? A chamada Biblia Kennicott. Unha obra mestra da arte sefardí realizada na Coruña no século XV por encomenda do xudeu Isaac de Braga ao escriba Moises Ibn Zabarah e ao iluminador Joseph Ibn Hayyimuna. Estaste preguntando quen era Kennicott? Benjamin Kennicott foi o bibliotecario que a mercou en 1771. Quizais deberiamos comezar a chamarlle Biblia da Coruña, así o leva escrito, este traballo foi rematado «na cidade da Coruña, na provincia de Galicia», coa data final da obra «o mércores 24 de xullo de 1476»
Amergin, o bardo que chegou de Galiza
Dicía Robert Graves que a educación poética inglesa debería comezar co estudo do Manifesto de Amergin. Pero sabías que este manifesto, referido en moitas ocasións como o poema fundacional da literatura irlandesa, ten relación con Galiza? Disque Amergin, o seu autor, procedía da Galiza e chegaría a Irlanda, arredor do século XV a. de C., na expedición dos chamados Fillos de Mil ou Milesios, segundo o Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XI. A súa chegada á illa enfrontouse á tormenta desatada polos druídas adversarios, e declamou este poema. Deste xeito, Amergin, cun poema, foi quen de fundar o máis marabilloso país: o país da poesía irlandesa: Eu son o vento mareiro / Eu son o golpe de mar / Eu son o océano que brúa / eu son o cervo dos sete combates / Eu son o falcón no cantil / Eu son a pinga que escintila na alborada. Así comeza este poema, en versión de Manuel Rivas.
A estrela Rosalía
E a literatura pódenos levar da pedra de granito ao po de estrelas. Cantos países fixeron posible que a súa poeta nacional dese nome a unha estrela do firmamento?
Galiza logrouno. Grazas á Agrupación Astronomía Coruñesa Ío e a súa campaña #EstrelaRosalía a Unión Astronómica Internacional púxolle o nome de Rosalía de Castro a unha estrela da constelación de Ofiúco, o Serpentario. A maior parte do ano, cuns sinxelos prismáticos podes ver no ceo a estrela Rosalía de Castro.
A Coruña, cidade do libro no medievo
Mais que pensaredes se vos dicimos que temos documentada que A Coruña é unha “Cidade de libro" desde a Idade Media? Imos fixar a nosa vista na que foi igrexa parroquial, na igrexa de Santiago, o templo coruñés máis antigo. Comezouse a construír no século XII e no seu adro reuníase o concello ata o século XV. Fixémonos na fachada principal, miremos as dúas estatuas exentas, adheridas ás xambas e enfrontadas, trátase de dous apóstolos de Xesús: Santiago, con barba e cabelo rizado, cunha túnica con pregues recollida no brazo levando sobre a cabeza un libro que serve de base á mocheta; e Xoán, máis novo que o seu irmán, sen barba, suxeita un libro fechado na man esquerda que sinala coa dereita. Hai historiadoras da arte que din que o libro que leva sobre a cabeza Santiago non representa o Novo Testamento (como sucede a cotío na iconografía medieval) que é simplemente unha solución arquitectónica para resolver o desnivel escultórico que existe co resto do pórtico. Mais iso aínda é mellor: o libro é a solución estética e arquitectónica para dar unidade a todo o conxunto escultórico. Este libro represéntanos!
Monumento ao libro
Seguro que tes vistos moitos monumentos ao libro, en Barcelona, en Santiago de Chile ou en Berlín. Mais sabías que o noso foi o primeiro? SI. En 1976 instálase nos Xardíns de Méndez Núñez un monumento único. Logo viñeron outros monumentos dedicados ao libro, en Springfield, en Barcelona, en Berlín ou en Budapest mais nese momento non existía en ningures un monumento dedicado ao libro. Da autoría de Manuel García, "Buciños". Representa a unha familia (home, muller e neno) gozando coa lectura. As tres figuras son de bronce e forman unha mesma peza que se apoia sobre un pedestal de granito.
Editorial Lar
Sabías que hai cen anos nacía na Coruña unha editora esencial para a literatura galega? Leandro Carré Alvarellos xunto con Ánxel Casal crearon Lar, en novembro de 1924, o primeiro intento dunha editorial autenticamente galeguista. Nacía co obxectivo de popularizar, estender e divulgar a literatura galega, e máis concretamente a novela. A Editorial Lar abriría o seu catálogo cunha colección de novelas breves sendo o seu primeiro título A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez. A capa da colección estaba deseñada por Camilo Díaz Baliño. En total Carré e Casal publicarían 40 volumes cunhas tiradas que mesmo chegaron a superar os 3.000 exemplares.
O mapa mundi do Beato do Burgo de Osma
Os imago mundi son unha especie de mapas que adoitaban incluírse nos manuscritos baixomedievais recollendo aquela tradición inicial do Beato de Liébana do século VIII. O que se procuraba era plasmar gráficamente onde predicaran os apóstolos, segundo a tradición. No caso do Beato do Burgo de Osma, cunha cronoloxía prácticamente coetánea ao inicio do explendor do que será a era compostelá, Galicia ten un lugar destacado. A cidade do Faro aparece representada á beira da catedral do Apóstolo. Lonxe, ao outro lado do Mediterráeno temos outro faro, o faro de Alexandría, a cidade da mítica biblioteca.
Marineda
A Coruña ten o seu nome no universo das cidades imaxinarias. Recoñecemos Macondo como a cidade que pensou Gabriel García Márquez na súa novela máis célebre. Pois a escritora Emilia Pardo Bazán pensou en Marineda para contar esta cidade, a súa paisaxe e as súas traballadoras, ludistas, aquelas capaces, a mediados do século XIX, de organizar unha folga á que se sumaron 4000 mulleres.
A vidreira das escritoras no Concello
Sabías que no salón de plenos do concello entra luz cenital a través dunha vidreira que leva o nome de catro mulleres relacionadas coa escrita e a literatura: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e María Pita. Estás pensando e que ten que ver María Pita coa escrita? Ti es das que pensas que a nosa Praza Maior chamouse sempre María Pita, vamos, desde mediados do século XVII? Debes saber que non hai moito máis dun século que se lle deu ese nome, antes chamouse Campo do Derribo. E quen rescatou a María Pita do esquecemento? Un pioneiro Andrés, Martínez Salazar, director do Arquivo histórico de Galiza e 1º cronista oficial da cidade, el crea a 1ª editora moderna ,a Biblioteca Gallega, que inicia as súas publicacións con Los Precursores de M. Murguía, e até o ano 1903 publicará máis de 52 obras fundamentais para a cultura galega. Sen arquivos, que gardan a memoria, e sen investigadores que rescatan ese saber para amosalo non poderiamos gabarnos da nosa heroína.
O libro que iluminou a cidade
Durante cen anos, desde 1837, o escudo da cidade tivo un libro sobre a Torre de Hércules. A luz que iluminaba A Coruña era a que procedía do libro. En 1937, o concello franquista, decide retirar o libro do escudo municipal pero aínda se pode atopar en moitos lugares da cidade, desde o Pazo Municipal, á Casa da Cultura de Durán Loriga. Até 2010 os botóns do traxe de gala de conserxes municipais levaba este escudo.
A orixe literaria do nome da nosa cidade
Sabías que o nome da nosa cidade ten unha orixe literaria? Segundo un dos maiores expertos en toponimia, Gonzalo Navaza, o nome actual da cidade nace en 1208 para substituír o de Faro. Será o rei Afonso VIII (IX, na historiografía española) quen concede á veciñanza de Faro a carta foral “de cidade” e muda o nome do lugar. Crese que o nome que comeza rexistrándose en latín como Crunia en 1208 é un nome de orixe literaria, tomado dun topónimo que aparece na Historia Turpini, o libro IV do Codex Calixtinus.
O crowdfunding de Rosalía
Sabías que no século XIX Rosalía de Castro anunciou un crowdfunding para editar Follas Novas? Anuncia que vai editar una colección de poesías completamente inéditas e anima a quen queira figurar como subscritor que se achegue pola súa casa. Era o ano 1872, e aínda habería que esperar oito anos para que Follas Novas saise do prelo.
A lenda da Torre de Hércules con Afonso X, O sabio
A cidade da Coruña ten unha lenda fundacional propia que está doblemente vencellada á literatura. A evidente coa mitoloxía clásica, mais ese episodio dos traballos de Hércules vai ser relacionado coa fundación da Coruña desde os libros do califato de Córdoba. Unha tradición que na escrita consolida Alfonso X, o rei sabio.