Nace a biblioteca Germinal co século XX, vinculada a unha sociedade anarquista, e as súas ansias de melloras sociais e laborais. Constituída en xullo de 1903, chegou a atesourar oito mil volumes entre os que se privilexiaban as temáticas de carácter práctico e filosófico dentro dun forte espírito sindicalista. Se ben a súa sede inicial foi na rúa do Socorro esta foi mudando ao longo das súas tres décadas de existencia que pasa por diferentes locais na zona obreira da Pescaría coruñesa. En 1936 estaba situada na rúa do Sol e logo do golpe de estado franquista os seus libros foron queimados e roubados.