Alejandro Barreiro Noya, nado en Compostela e finado na Coruña o 22 de novembro de 1948, foi un escritor e xornalista.
Iniciou a súa carreira xornalística en La Voz de Galicia, do que foi director de 1914 a 1937. Publicou contos de xénero costumista e versos en galego e castelán. Foi dos fundadores da Asociación da Prensa da Coruña. Colaborou na prensa de España e América e foi correspondente de Diario de la Marina da Habana, do Diario Español de Bos Aires e dos xornais madrileños El Imparcial, El Liberal, La Tribuna, ABC, e Blanco y Negro; tamén colaborou en La Hoja del Lunes da Coruña.
Dirixía La Voz de Galicia cando tivo lugar o golpe de Estado de xullo de 1936, e ao non dar a noticia de forma triunfal foi multado e apartado temporalmente do posto, ata que foi cesado definitivamente o 11 de agosto de 1937. A partir de entón quedou como colaborador do xornal, asinando os seus traballos cos pseudónimos de Herculano e Santiago del Burgo.